Eivas na seguridade no concerto xuvenil

 

Os rapaces divertíronse dabondo, mais o problema chegou sobe as 23:30 h. cando rematou o concerto e os ídolos puxéronse a asinar autógrafos. Empuxóns, pisotóns, contenadas, caídas, choros, enfrontamentos e insultos entre pais sucedéronse por espazo de máis de dous horas debido as graves deficiencias de seguridade na organización do concerto xuvenil. Así, a organización que amosou unha falta de planificación alarmante habilitou unha zona de entrada estreita e en forma de embude para que os rapaces puidesen visitar aos seus ídolos. O máis grave é que a devandita entrada estaba rodeada de vaias metálicas que coincidía, incluso, co enreixado de baixada ao parking. De tal maneira que si as avalanchas tiveran un pouco máis de intensidade poderíamos estar agora lamentando males maiores.

   

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao Goberno municipal que elabore con urxencia un protocolo de seguridade para actos públicos que evite situacións como a vivida onte, ao tempo que lle recorda ao executivo local que a seguridade cidadá e competencia do Concello.

 

A improvisación da organización foi tal que nin sequera foi capaz de artellar unha fila única. Así os propios gardas de seguridade, desculpábanse afirmando que non tiveron constancia previa do proceso de sinaturas das estrelas xuvenís.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, testemuña directa do acontecido, declarou “a falta de planificación da organización puido traer unha desgraza, esperemos que a triste experiencia vivida onte sirva para que non se repitan casos similares”.

 

César Santiso afirmou “a impotencia e indignación de todos os pais que alí estábamos foi enorme, mais aínda cando un membro da organización encarouse cara ao público. Así a  tensión foi en aumento e o espectáculo presenciado polos nosos fillos, bochornoso.

 

Santiso que lembrou que no concerto había moitos rapaces pequenos, sentenciou “esto é o que pasa cando se deixa en mans privadas a seguridade da veciñanza”, por iso avoga porque neste tipo de actos participe nos dispositivos a Policía Local, corpo profesional capacitado para resolver este tipo de situacións.

Relacionados