ERE en Sykes

 

Para Esquerda Unida as razóns esgrimidas pola empresa Sykes, “económicas e organizativas” son inconsistentes, pouco precisas e faltas de rigor. Semella que unha vez máis a patronal, co beneplácito das institucións, pretende sacar partido da situación de crise aplicando ERE’s que serían del todo inxustificables nunha situación económica normal.

 

O Consello Local de Esquerda Unida considera inaceptable o brutal ERE que pretende executar a multinacional Sykes no centro da Coruña, pois afecta case que a metade dos contratos fixos, 241 de 548. Ademais da finalización dos contratos por obra do 80% do cadro de persoal composto por 600 traballadores e traballadoras.

 

Ademais, o dito ERE amosa ser presuntamente ilegal, pois a empresa tras presentar o ERE argumentou a súa decisión en base ao descenso da carga de traballo nunha campaña de Vodafone e polo fin de contrato para prestar o servizo de atención ao cliente (1004) de Telefónica. Nembargantes, segundo informa o Comité de Empresa despois da xuntanza mantida ca xefatura da Inspección de Traballo, a multinacional non achegou os contratos mercantís coas compañías Telefónica e Vodafone na documentación para xustificar o ERE, presentando no seu lugar un informe realizado por unha axencia externa que se limita a certificar que houbo menos rexistros nos últimos tempos. O que ao noso entender supón un intento de ocultación de información o que demostra que a empresa está a actuar a mala fe.

 

Esquerda Unida, ante as evidencias anteriormente indicadas, esixe a inmediata intervención da Consellería de traballo, e que non desapareza neste tipo de situacións como xa nos ten acostumados o Goberno do PP. Así mesmo, EU insta ao Goberno Municipal para que traballe a prol dos afectados polo brutal ERE e presione a empresa con todas as medidas legais que teña ao seu alcance.

 

O Consello Local de EU na Coruña solidarizase cos traballadores e traballadoras de Sykes afectados polo ERE e apoia as mobilizacións que continuarán durante todos os martes de marzo.

Relacionados