Esquerda Unida vén de valorar as contas presentadas pola Xunta de Galicia para o ano 2021 nas que se constata que o incremento dos ingresos necesarios para combater o impacto da crise da Covid-19 non só son insuficientes se non que amosan un baixo perfil social.
Por unha banda resulta tremendamente negativo que incluso no ano en que os orzamentos reflicten a suba planificada polo Executivo para facer fronte ao impacto da crise, as contas non cheguen nin tan sequera a recuperar o recorte acumulado desde o ano 2009. “O crecemento nominal do orzamento de 2021 continúa mantendo un recorte en torno a mil millóns de euros sobre as contas do 2009, ano de entrada de Feijóo no Goberno. As galegas e galegos continuamos a ser máis pobres ca entón, a pesar dos fondos Covid” manifesta a coordinadora de EU, Eva Solla
É precisamente ao redor destes fondos que Esquerda Unida valora coma insuficiente o esforzo económico da Xunta: “O orzamento increméntase case 1.600 millóns de euros, sen embargo, 1.115 dos mesmos proveñen de fondos externos, tanto do Estado coma de fondos comunitarios. O incremento que vén da propia Xunta é menor e moi inferior ao que realmente podería. Hai que ter en conta que a Xunta mantén unha baixa carga fiscal aos máis ricos que supón neste exercicio polo menos a perda de 472 millóns de euros, moi necesarios para a Sanidade, por exemplo”.
Esquerda Unida denuncia que a Xunta de Galicia prefire incrementar a débeda en máis de 600 millóns de euros antes que cobrar impostos ás grandes fortunas. Todo nun contexto en que a débeda de anos anteriores supón xa un gasto de 1.574 millóns en concepto de amortizacións e préstamos.
Resulta obsceno perdoar centos de millóns de euros en impostos a quen máis ten, sobre todo cando unha parte importante dos novos fondos aínda non se coñece cando van ser ingresados. Sobre todo os recursos que proveñen da Unión Europea.
Igualmente, non é comprensible que nun momento de grandes necesidades de investimento a Xunta de Galicia manteña por decisión propia un teito de gasto que non e obrigatoria. Impoñendo así ás galegas e galegos unha limitación artificial nas posibilidades de investir nos servizos públicos e no tecido social.
É precisamente no ámbito social no que Esquerda Unida manifesta a súa preocupación: “Hai partidas, coma a da Risga, que non aumentan nin un só céntimo, xustamente neste momento de aumento da pobreza. O peor é que tampouco hai outras partidas que suplan a conxelación da Risga. Parece que a Xunta quixera descargar toda a responsabilidade sobre o Goberno Central e os Concellos.”
Esquerda Unida denuncia que partidas coma a dedicada ás axudas ás vítimas de violencia de xénero apenas se incrementan, pese a que a crise Covid e o confinamento están a aumentar o risco para as mulleres e dificultar a súa emancipación. Tamén resulta moi preocupante que o programa dedicado ao acceso á vivenda se manteña case igual que en 2020, nun momento no que se prevé o incremento dos lanzamentos en alugueiros por impago.
Mención especial merece a atención primaria. O anuncio da Xunta dun grande incremento de fondos para a sanidade non se corresponde con melloras significativas sobre o papel. “Unha vez máis a atención primaria é a grande damnificada” , explica Eva Solla, “ A suba é ínfima. 96 millóns de euros sobre un orzamento de 1.391 indica que os recortes de persoal se van manter. Pero a cousa vai máis alá. Se se observan os investimentos reais, unha porcentaxe elevadísima vai adicada en sanidade á informatización e novas tecnoloxías. Por poñer un exemplo, só a Plataforma de TIC se leva 16 millóns do incremento. A realidade é que a Xunta non está a dicir que a progresiva perda de persoal e substitución por atención telemática vai continuar”.
Esquerda Unida denuncia tamén o recorte de fondos dedicado ás corporacións locais. A Xunta de Galicia traballa no sentido contrario ao Goberno Central, reducindo os fondos para os concellos que son os que en moitos casos están a facer fronte ao impacto directo da crise da Covid-19.
Finalmente, Esquerda Unida denuncia que unha vez máis a Xunta de Galicia emprega os orzamentos para beneficiar ao sector do xogo, desta vez con bonificacións nas taxas das máquinas de apostas. Unha auténtica barbaridade xusto no momento en que deberan estar traballando para reducir o risco de ludomanía tal e coma Esquerda Unida lle propuxo en 2019 coa Proposición de Lei que freaba a expansión do xogo no noso país.