EU pide a imputación de X.M.Barreio

Tras a declaración dos apoderados do Partido Popular nas eleccións autonómicas de 2012, o recoñecemento do sr. Iravedra de que a petición de colaboración para o traslado de votantes, dende o asilo ata a oficinal electoral, foi realizada dende a propia sede do Partido Popular, pón de manifesto a “existencia dun comando itinerante do PP para o carrexo de votos, que se constata como práctica habitual do PP” afirma Carlos Portomeñe responsable de relacións institucionais de EU.

O coordinador de EU Lugo e deputado de AGE, Ramón Vázquez argumenta que, “tras a confesión do sr. Iravedra de que seguía instruccións recibidas dende a sede do PP é evidente a necesaria colaboración e complicidade do Partido Popular a nivel provincial. Colaboración que tamén se corrobora coa declaración do outro imputado, o sr.Benigno Gómez recoñece que recibiu as instrucións para “carrexar” anciáns o día antes das eleccións”. En definitiva conclúe o deputado, “dende EU esiximos o cese inmediato do sr. Iravedra xa que é evidente que atopámonos ante unha trama electoral organizada coa fin de conseguir votos á marxe de calquera principio ético e incluso humano”.

Yolanda Díaz manifestaba que “queremos depurar responsabilidades políticas e queremos saber cales son os motivos polos que Feijóo está a protexer ao sr. Iravedra”, continúa, “estamos a falar dunha trama tras a que opera unha organización político-criminal da que é responsable directo o presidente do PP e actual voceiro do senado, o sr. Barreiro”.

Polo tanto, á vista do acontecido, Esquerda Unida solicitou a declaración en calidade de imputado do sr. Barreiro para depurar responsabilidades políticas e penais. Á súa vez, EU a través da Esquerda Plural tramitou a petición de comparecencia urxente no senado do sr. Barreiro así como tamén a do presidente do goberno, o sr. Rajoy, coñecedor do modus operandi do seu partido en Galicia.

Relacionados