Eva Solla leva a debate unha lei para a elección transparente das xefaturas e coordinacións dos servizos e áreas do Sergas

A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla vén de levar a debate unha Lei que propón a igualdade e a transparencia na elección das xefaturas no Sergas, para que os mellores profesionais poidan dirixir as unidades. Esta proposta de lei pretede combater “un sistema de elección de xefaturas que, segundo explicou Eva Solla, é un nomeamento a dedo de cargos que logo a Xustiza ten que condenar”.

A proposta de lei presentada onte no Parlamento queres ser “unha regulación transparente en canto ao sistema de provisión de postos” para rematar coa “discrecionalidade da Consellería de Sanidade para tomar decisións sobre órganos, baremos e sistemas aplicables a elección de postos de dirección”.

Segundo sinalou Eva Solla na súa intervención, “na actual situación as persoas que escollen a quen ocupe as xefaturas de servizo do Sergas son sempre próximas ao Partido Popular e o que pretendemos desde En Marea é que as xefaturas de servizos estean cubertas polos mellores profesionais, os máis cualificados e non por aqueles máis próximos ao PP”.

Solla apuntou que os baremos que se aplicaban para a selección da xefatura de servizo se decidían “unha vez que xa eran coñecidos os candidatos” o que “obviamente sirve para igualar curriculos sen ter en conta os méritos e xustificar decisións”. As novidades principais desta proposta é a creación dun sistema de elección que inclúe a creación e elección dun órgano colexiado, que será o responsable de desenvolver os procesos de elección dos responsables das xefaturas de servizo.

A proposición de lei ten como obxectivo principal establecer unha regulación transparente en canto ao sistema de provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, resolvendo a situación previa que deixaba marxe á discrecionalidade da Consellería de Sanidade na capacidade de decisión respecto dos órganos, baremos e sistemas aplicables a elección de postos de dirección. Estes resultan totalmente esenciais para ser garantes para un axeitado funcionamento do noso sistema sanitario e deben estar fundamentados en criterios obxectivos.

A necesidade de mellorar a calidade e a eficiencia no Servizo Galego de Saúde fica ineludiblemente ligada á promoción das e dos mellores profesionais capaces de organizar e dirixir o traballo nos distintos servizos. A aplicación de criterios obxectivos favorece este principio, fomenta o desenvolvemento profesional, favorece a transparencia e a democracia e mellora polo tanto a equidade dentro do sistema sanitario público. O procedemento para a provisión dos postos será mediante convocatoria de concurso de méritos, baseada na avaliación do currículo profesional e dun proxecto técnico relacionado coa xestión da unidade, que deberá ser defendido publicamente, ante o órgano encargado de levar a cabo o procedemento de provisión dos postos.

O órgano colexiado que rexerá a elección das xefaturas de servizo estará composto por cinco persoas, con paridade entre mulleres e homes, debendo ter a condición de persoal empregado público fixo do Sergas, e deberán ter un grupo de titulación e nivel académico igual ou superior ao requerido para as prazas ofertadas. Entre outras circunstancias, os cargos de libre designación non poderán formar parte destes órganos.Tampouco poderán formar parte destes órganos, persoas con conflitos de interese no sector privado vinculado ao posto de responsabilidade ao que opta, persoas con sentencias condenatorias por delitos contra a Administración Pública ou de corrupción nos negocios, delitos contra a saúde pública, así como aqueles que atenten contra a liberdade ou indemnidade sexual.Finalmente, a lei foi vetada polo PP.

Non perdas a súa intervención: 

 

Relacionados