Por tal motivo, entre outras moitas medidas, presentamos, 0 14 de marzo de 2012, un moción na que demandamos a creación duna Axencia Pública de Aluguer, cuxo fin é a posta a disposición da cidadanía de vivendas en aluguer social.
Cómpre recordar que o artigo 47 da Constitución establece que todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Igualmente, exhorta aos poderes públicos a promover as condicións necesarias e establecer as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral, para impedir a especulación.
Por iso, para facer efectivo este dereito, pedimos, o 15 de xuño de 2012, a xestión pública das vivendas dos bancos e caixas co fin de que sexan xestionadas polo Concello, a través da mencionada axencia de aluguer, na procura de garantir ese dereito constitucional a unha vivenda digna.
A actual situación económica tivo entre unha das súas máis graves consecuencias, a destrución dun gran número de empregos. Esta situación, agravada no noso país pola explosión da burbulla inmobiliaria, provocou que numerosas familias non poidan atender o cumprimento das obrigas derivadas do pago das rendas de arrendamento ou, no seu caso, dos préstamos ou créditos hipotecarios celebrados para adquirir a súa vivenda, sendo dobremente castigadas pola devandita crise financeira, ao perder non só os seus empregos senón tamén as súas casas.
Motivo polo cal propuxemos, nunha moción presentada o 1 de decembro de 2011, a creación de axudas para o pago da hipoteca ou alugueiro en situacións de emerxencia social. Outra medida que tamén propuxemos foi a de axudas para reformas urxentes en vivendas do Concello, moción presentada o 20 de abril de 2012 .
Todas estas propostas presentadas, como tamén o é a moción do 17 de abril de 2013, na que demandábamos que o Concello instase a adopción de medidas legais como as aprobadas polo Goberno de Andalucía, débense a que para o Consello Comarcal de EU, ante esta situación, as Administracións non poden permanecer impasibles e deben realizar cantas actuacións sexan necesarias e teñan ao seu alcance para dar amparo aos cidadáns, ao obxecto de facer efectivo o dereito a unha vivenda.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDO
Primeiro. Que o Concello procederá a modificar con carácter de urxencia a ordenanza municipal reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, engadindo a esta ordenanza o seguinte:
”Nas transmisións realizadas polos debedores comprendidos no ámbito de aplicación do artigo 2 do Real Decreto- Lei 6/2012, de 9 de marzo, de medidas urxentes de protección de debedores hipotecarios sen recursos, con ocasión da dación en pago da súa vivenda prevista no apartado 3 do Anexo da devandita norma, terá a consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte a entidade que adquira o inmoble, sen que o substituto poida esixir do contribuínte o importe das obrigacións tributarias satisfeitas”. (De conformidade co Real Decreto 6/2012, de 9 de Maio, artigo 9 de “Modificación do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aprobado polo Real Decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo”)
Segundo. Instar á Xunta a que no marco das súas competencias, garanta a función social da vivenda e estableza un censo de vivendas deshabitadas, para no seu caso, sancionar as vivendas que estean en mans de persoas xurídicas e fomentar o aluguer daquelas vivendas que estean en mans de persoas físicas, coa idea de fomentar o acceso á vivenda desde o aluguer
Terceiro. Instar o Goberno de España a adoptar a paralización dos desafiuzamentos tal e como se contemplaba na ILP; a que as vivendas do SAREB pasen a ser xestionadas polas administracións públicas autonómicas para o aluguer; a que non aprobe o desafiuzamento expréss do aluguer, e a que se faga unha quita na débeda das familias hipotecadas tal e como se fixo cos balances bancarios tras o estalido da burbulla inmobiliaria.
Cuarto. O Concello procederá á revisión dos protocolos de actuación de servizos sociais en casos de desafiuzamento, e colaboración en pedir ao xuíz a suspensión do desafiuzamento cando este sexa por motivos económicos e refírase á vivenda única e habitual. Serán destinatarios da colaboración administrativa os cidadáns e cidadás que necesiten o asesoramento, a intermediación e, no seu caso, a protección adecuadas para previr a perda da súa residencia habitual e permanente.
Sexto. Non pór nin un só policía municipal a disposición das ordes de desafiuzamento
Sétimo. Interpelar ás entidades financeiras que operan na cidade para esixirlles a paralización dos desafiuzamentos e a condonación das débedas ilexítimas froito do actual proceso de execución hipotecaria.
Oitavo. Ningún desafiuzamento en vivenda protexida pública