Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2013.- O denominado plan de actividades extractivas da Xunta do señor Núñez Feijóo converterá Galicia “nunha esterqueira”. Así llo explicou esta mañá na sesión de control a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, ao presidente. “Vostede regala o país por anacos e quere convertelo nunha colonia vendida ás transnacionais”, afirmou, “e mentres a comarca de Ferrol está en guerra contra as súas mentiras, vostede está a prol de furar a terra coas minas a ceo aberto”. O proxecto do Goberno do PP permitirá habilitar calquera parte do territorio para extraer metais e minerais. É dicir, calquera lugar será susceptíbel de mudar en mina.
“Pero é que ademais quere envelenar a terra, porque vostede sabe moi ben que se precisa tonelada e media de cianuro para extraer uns gramos de ouros”, engadiu Díaz. O señor Núñez apenas respondeu máis que con vagas apelacións ao seu presunto respecto pola legalidade. Mentres o seu Executivo asente ao espolio nacional, ao que, en palabras da viceportavoz de AGE, “é o modelo Eurovegas en Madrid, aquí as minas a ceo aberto”, o presidente da Xunta inventa –en sede parlamentaria- cifras sobre os supostos empregos que crearán as explotacións mineiras.
A resposta de Yolanda Díaz tamén tivo forma de pregunta. “De que leis me fala? Das que din que é preciso destruír expedientes cando pasan dez anos?”, ironizou, “de amizades inmorais? Ou do plan extractivo que vai arrasar Galicia?”. AGE, a través da súa viceportavoz, apelou mesmo a declaracións do Valedor do Pobo. E rematou asegurando que Alternativa “combaterá o modelo Eurovegas que aquí, insisto, se chama minas a ceo aberta”.