Garantir a cobertura sanitaria

 

A Orde da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia do 5 de setembro de 2011 pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego, ven a amosar desincronizacións institucionais que están a provocar carencias no servizo nacional de saúde que na praxe tradúcense na exclusión temporal de determinados colectivos ao acceso a servizos médicos e farmacolóxicos.

 

Así, debido a trámites burocráticos os galegos e galegas en situación de desemprego de longa duración ven como se bloquea a súa tarxeta sanitaria e desaparecen as súas prestacións durante o tempo no que se tramita o expediente correspondente, tendo que abonar os importes establecidos no Decreto 209/2011 do 27 de outubro.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha moción en defensa do dereito á cobertura sanitaria para toda a cidadanía, na que se insta á Xunta de Galicia a que ningún cidadán quede sen cobertura sanitaria e farmacéutica baixo ningunha circunstancia, como recolle o terceiro e último punto do acordo.

 

Por outra banda, segundo datos do Defensor do Pobo e do estudo que o Ministerio de Sanidade realizo a instancias do grupo parlamentario de Esquerda Unida no Congreso dos Deputados, entre 90.000 e 180.000 persoas carecen actualmente en España de cobertura sanitaria.

 

Xa que logo, Esquerda Unida considera que é necesario reformar a constitución para garantir de maneira explícita a cobertura sanitaria e así o incorpora no primeiro punto do acordo da devandita moción.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “entendemos a sanidade como un servizo universal e gratuíto ao que debe ter dereito toda a cidadanía, esperamos que toda a corporación comparta este criterio”. Por iso a moción, no segundo punto do acordo e mentres non se produza a citada reforma constitucional, insta ao Goberno central e a Administración autonómica a que modifiquen as normas legais necesarias para asegurar que ningún cidadán neste pais quede en ningún momento sen cobertura sanitaria e farmacéutica.

Relacionados