Valoración resultados Asemblea Local

 

Iniciou a Asemblea o responsábel de organización, Jorge Gil, quen agradeceu o grande esforzo desenvolvido por militantes e simpatizantes durante toda a campaña electoral. Jorge Gil fixo mención especial aos veteranos que apesares de estar curtidos en ducias de eleccións, traballaron coa ilusión e empeño de quen o fai por primeira vez. Tamén houbo palabras de agradecemento para a xuventude e simpatizantes, para os que a moitos deles supuxeron as súas primeiras eleccións.

 

De seguido tomou a palabra o candidato electo de EU-V, César Santiso, quen subliñou a importancia do éxito colectivo acadado, o cal ven a demostrar que a ilusión e o esforzo supera ao poder económico desenvolvido por outras forzas políticas. “fomos quen de demostrar a veciñanza que outra política é posíbel si se desenvolve entre todos e todas con coherencia, transparencia, ética e austeridade. Máis de 7000  coruñeses e coruñesas outorgáronos a súa confianza e coa súa forza traballaremos sen descanso en María Pita para demostrar que hai alternativa e que esta a encarna Esquerda Unida”.

 

Logo das distintas intervencións, constatouse que a Asemblea Local de EU Coruña avala por unanimidade o traballo desenvolvido pola organización de cara as recentes eleccións municipais e ratifica a continuidade da política de partipación cidadá mediante asembleas de barrio. Durante a xuntanza constatouse  o sentir xeneralizado do grande éxito acadado na Coruña nas recentes eleccións municipais que ven a constatar a implantación de EU como alternativa e referente de esquerdas na cidade diante do afundimento do bipartito.

 

Finalmente, César Santiso considerou o apoio unánime da asemblea como un incentivo para seguir a loitar polo desenvolvemento de políticas transformadoras a prol da maioría social e do cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo.

Relacionados