Gobernar un chiringuito

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2013.- A chamada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa deputada Chelo Martínez, a deseñar un plan de viabilidade para o sector naval galego non chegou a ningures. A dereita, máis unha vez, ergueu o muro da súa maioría absoluta e impediu que a moción de AGE –apoiada, logo de engadir emendas, polos outros grupos da oposición- saíse adiante. “Vostedes non están a gobernar ningún ‘chiringuito’, senón un país que se chama Galiza”, clamou Martínez, antes de lembrar que “hai anos” que os gobernantes da Xunta non se reúnen cos traballadores dos estaleiros.

A parlamentaria de AGE lembrou ao Goberno de Núñez Feijóo que debe defender o dique flotante como “investimento estratéxico” para o naval ferrolán e evitar a agonía dos estaleiros na ría de Vigo. “Desde 2008, desapareceron 31.500 empregos directos no naval”, denunciou, “e se para vostedes [en referencia ao PP] isto son números, para nós son persoas e historias de fame e miseria”. Malia á negativa da dereita a constituír unha mesa do naval con empresas, traballadores e Xunta e a desenvolver un plan de viabilidade, Martínez rematou asegurando que “que o importante é que o PP entenda que o naval galego non pode agardar máis”.

 

Relacionados