Iniciativa CEIP Anxo da Garda

Entre as múltiples deficiencias existentes que deben ser resoltas, queremos destacar a imperiosa necesidade de arranxar o tellado do patio cuberto, pois este non cumpre as súas funcións ao permitir a entrada de auga nos frecuentes días de choiva, obrigando a empregar en substitución o salón de actos do centro.

Por outra banda, o CEIP incumpre as normas sobre accesibilidade universal, carecendo de ascensor no interior do edificio que ten varias plantas e na parte exterior, dunha rampla ou similar que permita salvar as escaleiras de entrada principal. Ademais, a eliminación da parada de bus ao carón do centro, supón unha dificultade engadida para o acceso do alumnado do centro e supón riscos e molestias innecesarios para a comunidade educativa deste centro.

Xa que logo, Esquerda Unida insta ao goberno galego realizar as obras de mellora que demanda a comunidade educativa no CEIP Anxo da Garda. Xa que entendemos que é de vital importancia manter en bo estado de conservación as instalacións que ofrecen un servizo público básico e atender as demandas da cidadanía, pois coñecen as necesidades reais de primeira man.

Por iso, os deputados de Esquerda Unida, Ramón Vázquez e Xabier Ron, presentan a través de AGE unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a instancias do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes. A parte resolutiva insta o goberno galego ao seguinte:

– Dotar das medidas de accesibilidade universal dirixidas a eliminar as numerosas barreiras arquitectónicas que ten o CEIP Anxo da Garda.

– Proceder ao arranxo do patio cuberto do centro.

– Restablecer unha parada de autobús o máis cerca posible do CEIP Anxo da Garda.

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “resulta intolerable que centros de ensino públicos conten con barreiras arquitectónicas e infraestruturas defectuosas que limitan o acceso e a calidade dos mesmos”.

Relacionados