lei solo.jpg - 5.38 Kb

Lei do Solo de Galicia

Saudamos unha iniciativa que se ten que xeralizar, de xeito que diante dunha temática tan importante, para acubillar as moitas voces  críticas  e representativas da pluralidade social do noso país acheguen a unha norma necesaria para coutar os últimos desenvolvementos do goberno Feijóo, caracterizados por eliminar regulamentacións, controis e precaucións en aras a facilitar un urbanismo cncebido como oportunidade de negocio privado, non como elemento definidor dun espazo social cohesionado e sustentable.

Yolanda Díaz acompañada doutros membros da dirección nacional e do responsable da área de medio ambiente, Lino Costas,  rexistraron unha iniciativa conducente á que Esquerda Unida participe nunha comisión que vai marcar os criterios para unha nova lei do solo. EU  entende que as vindeiras normas legais que emanen da Xunta terán que abrirse ao proceso previo de análise e proposta á pluralidade social crítica deste país. “Hai que modificar a técnica lexislativa para abrila aos procedementos da democracia participativa”, sinala Yolanda Díaz, Coordinadora  Nacional de EU.

 

Esquerda Unida quere achegar unha análise crítica que faga fincapé nos máis esixentes criterios de sustentabilidade para un territorio urbano e rural abondo castigado con políticas desarrollistas, que xa non dan máis de seu. Unha regulamentación que sexa belixerante coas tramas de corrupción que salpican o noso país e que minan a credibilidade do quefacer público e provocan unha onda acrecida de  desafección cidadá, que somentes prexudica as posibilidades de desenvolvemento democrático.

 

As políticas que aboen a creación de solo público, a vivenda protexida e as políticas de rehabilitación, o pulo a un urbanismo integrador e compacto e a loita contra as tramas de corrupción son elementos que caracterizan a proposta de sustentabilidade que Esquerda Unida desgranará na súa vindeira comparecencia parlamentaria.

 

O cambio de modelo produtivo polo que avoga a formación política de esquerdas e ecoloxista significa cambiar a consideración da nosa terra como un ben a consumir sen taxa para que somentes algúns fagan caixa contra un patrimonio de todas e todos os galegos. Trátase de garantir un decrecemento equilibrado que permita reorientar as actividades produtivas cara a xerar emprego estable e de calidade, proscribindo un modelo de desenvolvemento no que o ladrillo semella a figura corresponsable dun modelo produtivo caduco, de baixo valor engadido, emprego  precario e insustentable.

Relacionados