Moción Garzón

 

 

Á marxe doutras consideracións sobre o traballo do xuíz Baltasar Garzón, semella sorprendente que se lle abra un expediente  de suspensión en base á admisión a trámite dunha querela criminal interposta contra o mesmo pola súa actuación xudicial para tentar investigar os crimes imprescritibles do franquismo, e outra dirixida a deixar sen valor as probas obtidas na investigación do caso Gürtel.

 

Produce indignación e bochorno comprobar como en troques de animar a persecución dos delitos cometidos durante o franquismo contra moitas persoas do noso país e do Estado, se persiga a quen tenta contribuír a facer xustiza, no incrible salto que supón amparar aos verdugos e abandonar unha vez máis ás vítimas.

 

Semella igualmente sorprendente  a pretensión de, mediante querelas criminais constantes, minar o esforzo xudicial  por tentar esclarecer  tramas de corrupción como o chamado caso Gürtel, tentando amparar as prácticas corruptas, limitando a posibilidade de investigación. De se continuar a tramitación contra o xuíz Garzón, se estaría a pór en perigo a investigación do caso Gürtel e a sementar un camiño de impunidade para os actualmente implicados.

 

Estas actuacións xudiciais comezadas polos ámbitos da dereita e a extrema dereita do noso país, autores de querelas criminais admitidas a trámite, supoñen un pulso inaceptable á democracia e á xustiza, que non debe ser amparado polos órganos de goberno dos xuíces.

 

Por todo isto, o consello comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

 

ACORDOS:

 

   1º.- Amosar a solidariedade e apoio ao xuíz Baltasar Garzón, diante a campaña de acoso e derrubo ao que está a ser sometido.

 

    2º.- Esixir ao Consello Xeral do Poder Xudicial que actúe con absoluta imparcialidade no presente  asunto, sen proceder a tomar decisións de suspensión das funcións do xuíz Baltasar Garzón, mentres non se produzan resolucións xudiciais en relación cos feitos que se lle imputan.

 

    3º.- Esixir que as vítimas do franquismo que instaron o comezo do procedemento xudicial aberto polos crimes da ditadura franquista poidan ser parte no procedemento xudicial aberto contra o xuíz Baltasar Garzón polo Tribunal Supremo.

 

    4º.- Garantir que os procedementos por corrupción, investigados até o momento polo xuíz Garzón continúen e amplíen o ámbito de investigación ao obxecto de esclarecer as responsabilidades penais a que haxa lugar.

 

    5º.- Dar traslado da seguinte proposta de acordos á Presidencia do Consello Xeral do Poder Xudicial.

 

Relacionados