Moción plan tesourería

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a crear un plan de tesourería que promova o acceso ao crédito para o tecido produtivo. As políticas de austeridade e os recortes no gasto público son inútiles para resolver a crise. Son medidas que van en sentido contrario ao estímulo da demanda e que dificulta o acceso ao crédito especialmente ás pequenas e medianas empresas, autónomos e cooperativas. Requisitos, estes, absolutamente necesarios para reactivar a economía produtiva e impulsar a creación de emprego.

Por outra banda, o drama das execucións hipotecarias se multiplica e alcanza cotas alarmantes. Moitas familias son expulsadas das súas casas por culpa dunha lexislación obsoleta que so favorece o interese privado dos grandes propietarios e da banca. Cabe subliñar, que o propio poder xudicial instou ao goberno central do PP a que lexisle a dación en pago para evitar este drama humanitario, mais estas demandas non se atenderon.

Ademais do descrito, as participacións preferentes son un chanzo máis nesta estafa que queren chamar crise. As entidades bancarias e financeiras, despois de mergullarse nun vórtice especulativo e na procura de obtención do máximo beneficio recorreron a fórmulas fraudulentas nun contexto de opacidade e engano.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para que o concello retire os fondos as entidades financeiras que executen desafiuzamentos, poñan trabas aos sistemas de arbitraxe das preferentes ou neguen préstamos ao tecido produtivo e os leven á Banca Ética. Concretamente:

Primeiro.- O Pleno do Concello da Coruña insta ao goberno municipal a crear un plan de tesourería que retire os fondos do concello en entidades financeiras que executen desafiuzamentos, poñan trabas a adherirse aos sistemas de arbitraxe para a resolución das preferentes ou neguen habitualmente préstamos a autónomos PEME e cooperativas.

Segundo.- O Pleno do Concello da Coruña insta ao goberno municipal a que todos os fondos públicos retirados das entidades financeiras sexan colocados en institucións que practiquen os criterios da Banca Ética.

O voceiro de EU-V, césar Santiso, indicou que ”dende o concello podemos presionar ás entidades financeiras para que cambien as súas prácticas especulativas e favorecer á banca ética”

Relacionados