Nefasta política contraincendios

 

Pero agora, cando a seca faise extrema, os incendios multiplícanse calcinándose centos de hectáreas de bosque e campo galego, namentras os servizos contraincendios vense superados. O que está a amosar as enormes carencias que ten o noso pais na loita contra o lume, carencias derivadas da inacción política Xunta de Galicia. Xa que logo, Esquerda Unida afirma que a climatoloxía do inicio do verán evitou que Galiza vivise o meirande desastre ecolóxico da súa historia.

 

Esquerda Unida considera nefasta a política forestal desenvolvida pola Xunta do PP, quen de manira irresponsable e temeraria, supedita a seguridade da cidadanía galega e a conservación do medio natural a prol dos intereses económicos e o beneficio privado.

 

Froito das ansias privatizadoras do Goberno do PP, o campo galego a día de hoxe está aínda sen limpar, pois no seu intento de estrangular economicamente as comunidades de montes veciñais para que abandonen o monte galego e o poñan en mans privadas, os comuneiros aínda non recibiron as axudas para a limpeza do monte. Así pois, a Xunta de Galicia na súa estratexia perniciosa, non empezou a comunicar a concesión das subvencións para a limpeza do monte ata a semana pasada, situación que non se pode achacar a problemas administrativos senón de gobernanza pois o acto administrativo está dentro do prazo establecido de seis meses, o que ven a amosar que cando o Goberno do PP lexislou a concesión das devanitas subvencións xa o fixo con aleivosía. Salientar tamén que a propia norma desenvolvida pola Xunta de Galicia está chea de trabas administrativas para que os comuneiros desistisen de acollerse as subvencións como a obriga de dispor de superficies mínimas de 250 ha. o que na práctica impide o acceso as axudas as pequenas comunidades. Asemade, as cuantías económicas das subvencións reducíronse notablemente, nalgúns casos concedeuse tan so o 2% dos cartos necesitados, non é de estrañar que zonas con semellante redución foran pasto das chamas. Situación que se agrava cando as devanditas reducións inclúen zonas con núcleos ruraris.

 

Por outra banda, Esquerda Unida denuncia a situación de precariedade e falla de seguridade dos traballadores e traballadoras do servizo contraincendios e axentes forestais que teñen que se afrontar contra o lume con enormes carencias humanas e materiais.

 

As anteriores denuncias desenvolvidas por EU, en relación coas eivas da empresa concesionaria SOAGA no sistema de contratación de persoal, onde se ningunea a experiencia dos traballadores e traballadoras e o sistema de formación, masificada con tan so 16 h. eminentemente teóricas, temos que añadir as condicións de precariedade coas que teñen que traballar os axentes forestais, os cales recibiron este ano unha formación de tan so dúas horas e non dispoñen de equipamento apropiado: botas que nos soportan o lume, uniformes confeccionados con materiais inflamables, botiquins sen os materiais básicos de primeiros auxilios, motobombas obsoletas que se averían constantemente ou perden auga, parque móbil obsoleto e pouco seguro ou utilización de material especial do ano pasado, cando é obrigada a súa renovación anual.

 

Pero o que resulta máis abraiante é que o Goberno do PP era coñecedor das eivas anteriormente mencionadas,  pois o representante dos grupos medioambientais no Consello Forestal de Galicia, rexistrou en xullo un escrito para o conselleiro de medio rural, onde se detallaban todas as deficiencias e facíase constar que se carecía, nas condicións apropiadas, do material imprescindible que establece a lexislación vixente. Nin que dicir ten que a Xunta non atendio as peticións pois o Consello Forestal de Galicia   tíñase que reunir en xullo para evaluar o risco e adoptar as medidas correctoras apropiadas, máis non o fixo.

 

Pola gravidade dos feitos mencionados, algo que nunca ocuerrera con ningún outro goberno galego, que non so poñen en perigo ao conxunto da cidadanía galega e supoñen un grande dano ao medio natural e por tanto a nosa riqueza natural, sino que, desgraciadamente, vense de cobrar a vida de dous traballadores, a nosa organización esixe unha investigación para clarexar os feitos, depurar responsabilidades e corrixir os protocolos de actuación no seu caso.

 

Esquerda Unida considera que un servizo da importancia estratéxica para o noso país como o da prevención de lumes ten que estar xestionado publicamente, e dicir, directamente pola Xunta de Galicia e coas maiores garantías no que atinxe á formación e medios técnicos. Con todo, o Goberno do PP coa hipócrita complicidade do PSOE e BNG ala onde gobernan, está a privatizalo encubertamente mediante concesións, feito que resulta lamentable.

Relacionados