Nome de rúas

 

Yolanda Díaz afirmou na Comisión que Esquerda Unida non compartía, e ía opoñerse, a intención da Concellería  de Cultura de que se resolvera a cuestión do nome da rúa no propio seo da Comisión sen escoitar o parecer veciñal.

 

Esquerda Unida insta á Concellería de Cultura a recabar da A.VV. da zona de San Xoán o seu parecer acerca dos  nomes para designar a devandita rúa na estrada de San Pedro. Semella para nós o xeito elemental e integrador de contrastar  unha proposta que adoita requerir un amplo acordo.

 

Esquerda Unida considera que a proximidade e a interlocución continua e directa co movemento veciñal forma parte do esqueleto das políticas de participación cidadá, que semella seguen a estar acantonadas – e en malas condicións por certo – na concellería de ese nome.

 

Doutra banda, Esquerda Unida  manifesta a súa satisfacción polo recente ditame positivo da Comisión de Cultura para darlle nome a dúas rúas para dúas figuras senlleiras da legalidade constitucional republicana: o alcalde de Serantes Alejandro Porto Leis e o contralmirante e ministro republicano Antonio Azarola y Gresillón.

 

A nosa organización xa defendeu no Pleno a entrega dunha rúa e maila elaboración da actual unidade didáctica sobre a represión franquista na bisbarra, cunha moción específica adicada á figura do que fóra ministro de mariña. E no tempo en que a concelleira de cultura foi Yolanda Díaz se acordaron as axudas do concello e outras para a produción do documental O segredo da Frouxeira, que narra a brutal violencia dos sublevados para coa persoa do alcalde republicano de Serantes e aquelas persoas de ben que o axudaron. Cantos pasos se dean na recuperación pública de persoas que sostiveron a dignidade democrática do noso pobo contarán co respaldo absoluto de Esquerda Unida.

Relacionados