novagalicia banco.jpg - 1.99 Kb

Non é un rescate é un secuestro

 

Esquerda Unida comeza esta semana unha campaña para coñecer a verdade, toda a verdade, sobre a crise da banca, e demanda explicacións acerca do xa anunciado custo social das medidas acordadas en Bruxelas en materia de emprego na entidade NGB.

 

Esquerda Unida – Os Verdes considera que o rescate constitúe a demostración da derrota das políticas neoliberais desenvolvidas por PSOE e PP. Os meses de goberno antisocial a base de decreto-lei do Goberno Rajoy, secundado cunha obediencia digna de mellor causa polo goberno Feijóo, colleitan hoxe un evidente suspenso cando se nos impón dende a Unión Europea un rescate bancario, que deixa en coiros os erros e a inanidade última dunha política económica de dereitas, que só causa paro, anguria e desprotección social na xente traballadora.

 

A coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, sinalou “non é un rescate, é un secuestro  cotián sobre os dereitos  sociais da nosa cidadanía, rescátase aos bancos malia seren os protagonistas dun proceso de endebedamento e alimentación de burbullas, que están na cerna explicativa da actual crise da globalización capitalista.”

 

A executiva nacional de EU demanda a comparecencia urxente de Feijóo no parlamento galego para explicar o impacto e situación real na que queda Novagalicia banco e insta a creación dunha comisión que analice e depure responsabilidades pola situación das entidades financeiras galegas. Esquerda Unida entende que resulta inaprazable a comparecencia urxente de Feijóo no Parlamento para explicar o papel e os resultados da política en materia de banca desenvolvida polo seu goberno. A secuencia de privatización das caixas, acordo co BNG incluído, co expolio do aforro público das caixas supón un dos grandes pasivos dunha xestión política amortizada e sen futuro. A política de parchear e ir administrando unha política morta, a dos recortes neoliberais, fracasou. Nela fixéronse cómplices a oposición de papel do Hórreo con acordos e consensos que foron contra os intereses da maioría traballadora deste país.

 

EU reclama outra saída política para garantir o carácter galego e o control público da entidade NGB. A actual participación pública nela tense que traducir na constitución dunha entidade de banca pública galega, cuxa xestión se poña ao servizo  do fomento do creto ás pequenas e medianas empresas así como para achegar apoio ás iniciativas públicas de carácter industrial e dinamizador que precisa a nosa comunidade.

Relacionados