Normativa de terrazas coa FAVA

Esquerda Unida e a Federación de Asociacións Veciñais constatan nunha xuntanza a súa total coincidencia en relación coa normativa de terrazas. A ordenanza que propón o PP non conxuga de maneira equitativa os intereses da veciñanza cos do sector hostaleiro en canto a xestión do espazo público ao non garantir o uso e goce colectivo. Xa que logo, non respecta o principio de espazo de convivencia de todos e todas porque é moito máis permisiva que a anterior, ao permitir a ocupación de mais espazo público, si antes o ancho mínimo das beirarrúas era de 3 m. agora é de 2,5 e excepcionalmente 2,3. Nas rúas peonís en prazas antes o paso mínimo era de 3,5 e no se podía ocupar máis do 20% de anchura agora é de 3 m. e se pode ocupar até a metade do ancho. Asemade permite a instalación de terrazas a pubs e incluso de maneira excepcional a discotecas e outras instalacións como hoteis ou cines.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón que os hostaleiros teñan que presentar un aval dos veciños da súa zona para que se poida tramitar calquera permiso que incorpore algunha excepción, incorporando como excepción os locais incluídos no grupo II como os pubs. A FAVA valorou moi positivamente esta proposta pois considera que é unha maneira de outorgarlle poder de decisión á veciñanza.

Ambas as dúas organizacións coincidiron en que a nova ordenanza é excesivamente flexible, por iso, tamén houbo acordo na proposta de EU de definir na propia ordenanza un mecanismo de control participativo e transparente, tanto para permisos como para denuncias, a través dunha comisión no que ademais do goberno municipal, teña cabida un representante por cada federación veciñal, polo sector da hostalería, polas persoas con minusvalía, por cada grupo municipal da oposición, polo colexio de arquitectos e pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da USC. O Pleno do Concello aprobará o regulamento da devandita comisión.

César Santiso, indicou que ”a presidenta, María Luísa Varela, confirmounos o que xa sospeitábamos, o goberno municipal non consensuou coa veciñanza a ordenanza de terrazas, xa que non puideron facer achegas”. A presidenta denunciou que nin tan sequera houbo unha información correcta, tiveron dous encontros, o primeiro fai 7 meses, nos que se lles amosou unha presentación fugaz e rápida da ordenanza en ordenador, mais non tiveron acceso ao texto normativo hasta días previos ao Pleno de aprobación inicial. Asemade as poucas suxestións que puido facer durante as rápidas presentacións. non se atenderon.

Santiso salientou que “outra vez máis o goberno municipal terxiversa a realidade coa intención de confundir á opinión pública, unha actitude lamentable por parte do PP”.

 

Relacionados