Á conclusión da xuntanza procedeuse a escoller por unanimidade unha nova dirección local e ao novo coordinador, responsabilidade que recaeu na persoa de Suso Basterrechea, profesor e artista plástico, que vén traballando arreo no seo da organización en diversas tarefas.
Suso Basterrechea encabeza unha anovada dirección colectiva, composta polas seguintes compañeiras e compañeiros: Sari Alabau, José Luis Martínez Balsa, Xosé María Dobarro, María Jesús Durán, Roberto Artabe, Manel Cereijo, Rafael Lorenzo, Belén Iglesias, Eugenio Leira, Javier Galán e Yolanda Díaz. Equipa anovada para abordar unha nova etapa política.
O conxunto da asemblea fixo fincapé no afortalamento da organización para desenvolver unha laboura de oposición firme ás políticas do PP. Coincidiuse por parte da totalidade das intervencións na necesidade de fornecer a organización para desenvolver unha ampla acción de intervención social e de construción de tecido social crítico, quen de artellar nas rúas a oposición social e cultural ás políticas e valores que expresa o PP.
Suso Basterrechea comprometeu traballo arreo para profundar na construción da alternativa mediante o pulo ao proceso da refundación da esquerda, para producir entre todas as persoas do pobo de esquerdas unha alternativa política e social de esquerdas para Ferrol.
Formulouse pola asemblea como unha das vindeiras tarefas a determinación de lanzar unha convocatoria social para a elaboración dun novo programa político, que permita integrar as novas achegas e propostas saídas das mobilizacións en curso, as cales son en alto grao coincidentes coas demandas históricas da nosa organización. Esta convocatoria debe coadxuvar a artellar de xeito unitario e integrador unha alternativa de carácter de esquerdas á crise. Hai enerxías sociais abondo na nosa sociedade, e cómpre axudar a súa autoorganización cara a enfrontar a sistemática de recortes sociais en curso.