Ordenanzas fiscais

O grupo municipal de Esquerda Unida vén reiterando nos últimos anos un conxunto de propostas para configurar unha ordenanzas fiscais acordes cos principios de de progresividade, loita contra a especulación urbanística e inmobiliaria e a meirande  protección social, en forma de bonificacións para a veciñanza máis afectada pola crise e en condicións económicas mías febles. Este ano hai que afrontar a actualización das ordenanzas fiscais no contextos máis adverso da historia recente da cidade. Nesta situación ten máis sentido que nunca o planteado ano a ano polo grupo municipal de Esquerda Unida: achegar os recursos económicos suficientes para prestar o catálogo de servizos e bens públicos polo concello e protexer e aliviar ás veciñas e veciños cuxa situación económica é adversa por mor da extensión , intensidade e duración da crise provocada polas políticas neoliberais tan queridas a algúns que nos gobernan.

Entre ese algúns está, claro é, o goberno municipal co seu Alcalde ao fronte  que , un ano máis, fai unha proposta enormemente conservadora e renuncia a ampliar a progresividade de tributos ao non gravar as vivendas baleiras.

Hai que deixarse de desculpas de mal pagador e acometer a loita decidida contra a especulación inmobiliaria. Na cidade onde caen edificios,un día si e outro arden, hai que ser valentes e gravar a especulación mediante un recargo polo que as vivendas baleiras teñan que aboar un IBI incrementado no 100% respecto do tipo ordinario a partir da terceira vivenda en propiedade. En Ferrol esta medida afectaría apenas ao 6% dos propietarios, uns 400 propietarios que  posúen tres ou máis vivendas. E hai que facer algo máis, de maneira urxente:

Hai que elaborar un catálogo  de bens da Igrexa católica sen uso adicado ao culto e proceder inmediatamente ao cobro dos impostos legais correspondentes.

Hai que introducir unha fiscalidade ecolóxica a nivel municipal complementaria que coadxuve a disuadir as agresións ao medio.

E hai  que impedir o inicio da encuberta privatización do servizo de saneamento. Proceder á suba do canon de saneamento, por moi pequena que sexa a suba per cápita, é o inicio dunha entrega por capítulos a Emafesa. Facer cadrar as contas de Emafesa a través de modificacións de taxas municipais é a segunda das burlas que ten que padecer a cidadanía. A primeira xa foi o ter que aturar coa empresa municipal ,pero de xestión privada,que presenta perdas nos últimos anos e que Esquerda Unida xa calificou de “trampa contable”. Este das taxas de saneamento é o último episodio dunha serie de ficcións contables con un único fin: a privatización do servizo do saneamento e a incorporación final da súa xestión a  unha Emafesa xa completamente privatizada.

Con posterioridade ao pleno Esquerda Unida alegará a proposta de modificación de taxas que presenta o goberno na liña de tentar dotar de progresividade e incluíndo as propostas concretas aludidas.

Relacionados