Parálise coas hortas urbanas

Esquerda Unida denuncia que debido ás eivas e parálise do goberno municipal as hortas urbanas seguen sen ser unha realidade. Efectivamente a finais do ano pasado o goberno local sacou a concurso, outra vez máis polo desaconsellable e pouco ético procedemento negociado, a contratación das obras comprendidas no proxecto de construción e acondicionamento de “Hortas de Lecer” no Barrio de Novo Mesoiro. (O-16/2012) por un importe de 171.849 €, unha cantidade ao noso entender totalmente desproporcionada para os escasos 8309 m2 de terreo a acondiconar. O prazo de presentación de proposicións finalizou o 21 de decembro de 2012.

Así, mentres a apertura da documentación técnica realizouse o 22 de xaneiro de 2013, a apertura da documentación económica non se fixo até o 5 de xullo, é dicir máis de medio ano perdido por mor, disque, dun error detectado na aplicación do IVE.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os verdes preguntará oralmente no pleno cales son as razóns de que un ano máis segamos sen hortas urbanas municipais, apesares da importante demanda social que suscitan, porque a argumentación esgrimida no perfil do contratarante sobre eiva do IVE non se sustenta. En definitiva en lugar de ceder os terreos inmediatamente á veciñanza para que poidan traballar a terra o PP perde preto dun ano para agasallar a empresas “amigas” con 171.849 €. Así o tenor literal da nosa pregunta indica:

“Considera o goberno municipal que está desenvolvendo as infraestruturas necesarias para promover a implantación de hortas urbanas na cidade?”

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos pola creación dunha rede de hortas urbanas ecolóxicas nos espazos verdes municipais infrautilizados abandonados, ou degradados para que a veciñanza poda traballalos”. Así, ademais de ofertar unha actividade alternativa de lecer, deporte e contacto coa natureza, como a horticultura, posibilitase ás persoas máis necesitadas unha fonte adicional de recursos, precisamente facilitando o acceso a alimentos vexetais perecedoiros que son os que menos subministran as ONG e os bancos alimentarios.

Ao tempo que se capacita ás persoas desempregadas para desenvolver a súa actividade nun sector e auxe, neste sentido cabe recordar que o sector da agricultura ecolóxica leva décadas en constante crecemento, así en contraposición co retroceso da meirande parte dos sectores produtivos, a agricultura ecolóxica incrementou a súa facturación nun 28% na Galiza.

De todos é coñecido que Galiza en xeral, e a bisbarra coruñesa en particular, ten unha enorme riqueza natural infrautilizada, son miles e miles as hectáreas de terra fértil acta para agricultura sen explotar, algo inconcibíbel cando son miles e miles os galegos e galegas que pasan graves dificultades económicas e necesitan da beneficencia para poder alimentarse.

 

Cabe subliñar que a agricultura ecolóxica utiliza técnicas sustentábeis e menos dependentes do petróleo, con ausencia total de pesticidas, plagicidas e agroquímicos, o que permite ofertar produtos diferenciados de maior calidade, sans e respectuosos co medio ambiente, ademais de avanzares na soberanía alimentar ao evitar a dependencia das grandes multinacionais agroquímicas.

Relacionados