Pasarrúas feminista

Esta reforma eliminaría a actual lei de prazos, que permite abortar libremente até a semana 14 de embarazo, e substitúea por unha lei de supostos peor aínda ca a do ano 85. Ante tal retroceso, consideramos que se deben aunar forzas dende todas as organizacións e por iso, Esquerda Unida participa e colabora no grupo de traballo na Coruña da plataforma Galega en defensa do dereito ao aborto.

Xa que de aprobarse finalmente unha lexislación nestas condicións, España situaríase á cola de Europa en materia de dereitos sexuais e reprodutivos e de acceso ao aborto. Este tipo de lexislación non ten outra finalidade que non sexa acalmar as reclamacións do lobby de presión da Igrexa católica e outros grupos fundamentalistas dos que se rodean os gobernos do PP e, ademais, ten un carácter puramente ideolóxico e moral. Non é, por tanto, unha Lei que garanta ningún dereito se non máis ben todo o contrario.

Os dereitos sexuais e reprodutivos son parte integral dos dereitos humanos e garantir o seu goce é indispensable para alcanzar o benestar físico, mental e social. A reforma anunciada polo goberno central non respecta os acordos e convencións internacionais sobre saúde e dereitos sexuais e reprodutivos. O informe do relator especial do Consello de Dereitos Humanos recolle que as leis penais que castigan e restrinxen a interrupción voluntaria do embarazo son unha barreira inaceptable que impide ás mulleres exercer o seu dereito á saúde, e polo tanto, deben eliminarse. Así, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “urxe mobilizarse ante un problema que nos afecta a todas e todos porque se trata dun novo recorte de dereitos. É necesario que se respecte o dereito das mulleres a decidir libremente sobre cuestións relacionadas co seu propio corpo”.

Entendemos, ademais, que esta reforma non é un feito illado, senón que se enmarca en todo un camiño de agresións aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres (non hai máis que mirar o intento de peche do COF do Ventorrillo ou os recortes de servizos e persoal sanitario noutros Centros).

A fin de reivindicar isto, o grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes difunde e apoia o pasarrúas feminista organizado pola plataforma galega en defensa do dereito ao aborto que se desenvolverá mañá as 19:00h dende a praza de María Pita ata a praza de Ourense (diante da delegación do Goberno).

Relacionados