Posicionamento Conta xeral

APROBACIÓN CONTA XERAL EXERCICIO 2012  (Voto en contra)

Esquerda Unida non presentou reclamacións porque o documento reflicte a realidade contable municipal e consideramos correcto o traballo técnico contable dos empregados públicos do Concello. Outra cousa ben distinta é a nosa valoración política dos datos, que consideramos claramente decepcionante con baixos niveis de execución, incremento do déficit ou unha recadación paupérrima. Pero o peor de todo é que o investimento do Concello non estivo ao servizo da veciñanza, senón das grandes empresas, nin tampouco serviu para resolver os problemas prioritarios da cidadanía como a creación de emprego.

A Conta Xeral pon de manifesto que o PP está a xerar unha administración ineficiente, opaca e máis inaccesible para a cidadanía. Así, na conta xeral constatase como o goberno municipal conduce ao Concello cara ao abismo, nunha pendente cara abaixo, sen freos e cos ollos pechados. Presupostan fora da realidade, confúndense na prioridade dos investimentos, apostan polos festexos e urbanismo, aplicando políticas de pan e circo e de fomento da especulación, en lugar de centrar a súa acción de goberno na promoción da economía produtiva, a xeración de emprego e a potenciación dos servizos sociais públicos. E aínda por riba son xestores ineficientes como demostra os paupérrimos índices de execución presupostaria e a deficitaria xestión dos recursos propios.

Esta é a auténtica realidade da súa acción de goberno, e así o demostrarei ao longo da intervención na que quedará ao descuberto a maquillaxe de contas que o PP está a desenvolver coa intención de confundir a cidadanía e transmitir a falsa sensación de que son bo xestores.

Despois de avaliar os datos do primeiro ano completo de goberno podemos afirmar que a realidade é ben distinta a que pinta o PP, a cidade atópase nunha situación de estancamento: a actividade produtiva parada como demostra o feito de que se recadou tan so un 42% do que vostedes mesmos estimaron en licencias de apertura ou que no imposto de actividades económicas recadaran un 14% menos do esperado. Por outra banda o poder adquisitivo da cidadanía descende, incrementándose o número de desempregados, vostedes mesmos o recoñecen recadando un 17% menos do esperado.

É moi doado dicir que “A Coruña vai ben”, o difícil é demostralo cientificamente. Pola contra os datos son irrefutables, e con eles desmontarase a súa falacia da xestión eficaz:

Primeiro engano: o goberno local nin inviste máis nin é eficiente na execución do presuposto

O goberno municipal presume dun alto grado de execución e de aumentar a inversión. Os datos da conta xeral amosan un crédito definitivo por valor de 268,7 millóns mentres que as obrigacións recoñecidas neta foron de 212,9 millón o que efectivamente representa un 80% de execución, máis isto non significa en absoluto que se incrementase a inversión. De feito esta diminuíu en comparación coa época do bipartito. No capitulo 2 , que é onde aparecen recollidos os investimentos reais do Concello xa que se refire a gastos correntes en bens e servizos, os créditos definitivos son de 43,1 millóns fronte uns exiguos 18 millóns e medio de obrigacións recoñecidas o que representa un grado de execución inferior ao 43%, cando en 2010 o bipartito co que tanto gústanse comparar executou un 56% sobre 98 millóns de créditos definitivos. É dicir que o PP que presume de xestor eficaz amosa un índice de execución un 25% inferior apesares de ter menos da metade de investimentos.

Segundo engano: o goberno local non xestiona eficazmente os recursos propios

Nos orzamentos presupostou 268 millóns, pero realmente so liquidou 228 millóns é dicir equivocouse en nada máis e nada menos que 40 millóns de euros. Pero é que dos 228 liquidados so recadou 207 millóns. É dicir o goberno municipal tivo un desfase de 61 millóns e so foi capaz de recadar un 77% dos ingresos presupostados.

Terceiro engano: O Concello non tivo un superávit de oito millóns senón que tivo déficit

O goberno municipal fai unha lectura sesgada do documento e utiliza a cifra comercial de oito millóns, esquecendo intencionadamente que esa é a cifra sen axustes técnicos-contables, o propio documento reflicte un déficit de 668.000 euros unha vez establecidos os devanditos axustes, tal e como recolle o informe de estabilidade presupostaria emitido pola intervención municipal. Unha cantidade ascendería até os 5,5 millóns si o goberno municipal non houbese metido a man no petos dos funcionarios arrebatándolles a súa paga extra. Pois dos 64 millóns do Capítulo 1 destinados a gastos de persoal tan so tivo que pagar 59 millóns. Neste sentido e curioso subliñar o concepto que ten o PP dos traballadores e traballadoras públicas, pois na súas declaracións propagandísticas falan de que obtiveron 8 millóns de superávit eliminando gasto superfluo. O que significa que considera a paga extra dos empregados e empregadas públicas algo superfluo, é dicir prescindible.

Por outra banda, o informe da intervención tamén fai notar que o aforro neto do Concello diminuíu de 16,83 a 4,28 millóns de euros durante o exercicio 2012. Polo tanto é rotundamente falso que o Concello dispoña de maior liquidez e solvencia

Cuarto engano: o Goberno local non suavizou a presión fiscal sobre a veciñanza

A cidadanía tivo que pagar máis polo IBI das súas casas e por moitas actividades que desenvolve o Concello, agora no 2013 tamén subiu a auga a ver que prepara no 2014?

Quinto engano: o goberno local non recadou máis por ter unha administración máis áxil

Simplemente o fixo pola subida do IBI, si ben é certo que se melloraron os índices na recadación executiva tamén o é que aínda esta moi afastada dos datos doutras corporacións. Así, diante das denuncias de EU neste sentido o compromiso do goberno municipal en mellorar a eficiencia recadatoria deixa moito que desexar, situación que impiden dispor de moitos máis recursos para loitar contra o paro e a exclusión social.

Sexto engano: o Concello non é transparente nin fomenta a participación cidadá, nin a igualdade de oportunidade entre empresas.

Transparencia Internacional, como recolle no seu informe, suspendeu ao Concello en transparencia na contratación, A Coruña sitúase a cola das cidades analizadas, no posto 85 de 110, obtendo un 65% de puntos menos que no 2010 (25 vs 71,4).

En canto a participación cidadá o suspenso tamén é rotundo, pois nin tan sequera está a cumprir co regulamento de partipación cidadá tal e como mandata a Lei das grandes cidades. Por non falar do trato despectivo que o PP outorga a algunhas organizacións e movementos sociais que non son da súa corda.

A igualdade entre empresas é unha quimera, non so a contratación é máis opaca, senón que se prosigue coa mala praxe da contratación a dedo, moitos incluso sen publicidade, o abuso desta práctica esta claramente en contradición coa igualdade entre empresas e o fomento da libre concorrencia.

Poderíamos, así, seguir desmontando unha a unha as falaces afirmacións do goberno municipal mais necesitaríamos horas de intervención para entrar polo miúdo. Non o podemos facer en sede plenaria por limitacións de tempo, pero o faremos cara a opinión pública informando da situación das áreas de maior interese para a cidadanía.

 

Relacionados