Presupostos Xerais do Estado

 

Esquerda Unida considera que os orzamentos significan a renuncia expresa do PP a reactivar a economía e loitar contra o desemprego. Así os orzamentos reducen á mínima expresión o investimento productivo, vital para reactivar a economíae xerar emprego, na nosa cidade redúcense a menos da metade as achegas ao porto exterior, actuación fundamental para a recuperación da economía da bisbarra coruñesa que unha vez rematada e correctamente xestionada e comunicada por ferrocarril e estradas, podería permitir xerar miles de postos de traballo ao posicionar A Coruña como referente europeo do tráfico marítimo de mercadorías con América e permitir dedicar intensivamente o actual porto coruñés a tráfico marítimo de contedores.

 

En definitiva, esta actuación estratéxica para a xeración de emprego sufre unha grave desaceleración ao reducir a 46 millóns o investimento no 2012, cantidade que equivale a tan so un 45% dos 102 millóns achegados no 2011. O dito recorte faise máis evidente na partida dedicada a obras de Punta Langosteira que se ve recortada a un tercio do investimento do 2011 pasando de 75,6 millóns aos 27,3 millóns actuais.

 

Para o grupo municipal de EU-V a drástica redución do investimento en medio ambiente, reflectida nos 0 euros para a recuperación da ría do Burgo reflicte a miopía do goberno central incapaz de apostar pola economía verde, fundamental para o cambio o modelo produtivo. Proba de elo é que o Goberno do PP segue a apostar polo investimento en infraestruturas non relacionadas co tecido produtivo, como os 29 millóns de euros achegados a terceira rolda, unha actuación necesaria para mellorar os accesos a nosa cidade pero que non incidirá directamente na xeración de emprego, nin favorece o cambio do modelo produtivo.

 

Esquerda Unida – Os Verdes insta ao Goberno do Estado a cambiar o rumbo económico marcado nestes orzamentos e pasar a apostar decididamente por políticas activas de emprego, de investimento en infraestruturas directamente relacionadas co tecido produtivo e de fomento do cambio do modelo produtivo, a través do aproveitamento sustentábel da nosa riqueza natural como unha oportunidade económica e de xeración de emprego, da aposta decidida polo I+D+i e a potenciación das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como elemento de valor engadido para que as nosas empresas melloren a súa competitivade, así como investir no sector das enerxías renovábeis para, ao tempo de potenciar un dos poucos sectores punteiros que temos a nivel global, acadar maior independenza enerxética, base fundamental para que as nosas empresas gañen e competividade.

 

César Santiso, indicou que “os orzamentos xerais do Estado farán sufrir á maioría social coruñesa e hipotecarán o noso futuro porque o PP aposta por manter o caduco  e superado modelo produtivo do ladrillo e o formigón e os recortes sociais”, o Goberno central aplica recortes sociais en sanidade, ensino, dependenza e servizos sociais que afogaran ás familias traballadoras retrotaendo aínda máis o consumo o que producirá o peche de empresas e o conseguinte incremento do desemprego, que será aínda maior que o amosado polas previsións mais negativas debido a un deficitario investimento en economía produtiva e aos recortes en educación e en I+D+i os auténticos motores dun cambio do modelo produtivo capaz de dotar as nosas empresas dunha capacidade competitiva e valor engadido do que agora adoecen.

Relacionados