Proposta de nidos infantís

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia a parálise e falta de iniciativa do goberno local diante da alarmante falta de prazas nas escolas infantís municipais. Semella que o PP está a atrasar as súas promesas relativas ás obras das escolas infantís para inauguralas en tempo electoral, pois as cinco escolas infantís, promesa electoral do PP, seguen en fase de proxecto. Efectivamente, a alarmante falla de prazas de escolas infantís municipais aboca cada ano a miles de familias a buscar garderías privadas ao esgotarse as prazas nos centros públicos do municipio. Dos 6000 coruñeses de 0 a 3 anos, o 14,6% terán unha praza na rede pública de gardería, polo que é urxente unha resposta da administración.

As Escolas Infantís Municipais, ademais de constituírse nunha ferramenta pública de conciliación da vida familiar e laboral, actúan como elementos de cohesión social permitindo o acceso a unha alimentación digna aos rapaces das familias máis necesitadas. Con todo non é sómente que a demanda directa de garderías municipais cuadriplique a oferta, é que só un de cada seis nenos pode optar a unha praza”.

Esquerda Unida propón a creación de “nidos familiares” para responder ás necesidades destas familias con nenos menores de tres anos sen praza nas escolas infantís municipais. Nestes “nidos” coidadores/as formados especificamente para este traballo faríanse cargo dos nenos e nenas, nunha alternativa ás escolas infantís e garderías como solución ás dificultades de conciliación familiar e laboral de moitos fogares. Este servizo xa está estendido con éxito en países nórdicos, Alemaña e noutras comunidades autónomas estatais.

O papel deste recurso é similar ao das Escolas Infantís pero, ao estar situados na casa dos coidadores e cun número reducido de cativos, permitiría reducir os custos de implantación e flexibilizar os horarios cunha atención máis personalizada.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “EU xa denunciou días atrás que só un de cada seis rapaces pode acceder a unha praza nas escolas infantís, mais ao contrario que outros, nos facemos oposición construtiva achegando propostas factibles”.

Relacionados