Recortes nas liñas de ferrocarril

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes consideran que os recortes nas comunicacións ferroviarias da Coruña lesionan o dereito á mobilidade da cidadanía, especialmente dos menos podentes como a mocidade e os xubilados, que teñen menos posibilidade de utilizar automóbiles privados. O PP reduce os servizos nas liñas de media distancia de A Coruña-Monforte e A Coruña-Ferrol. Non contentos con estas medidas, a RENFE, cautiva nas pautas economicistas e privatizadoras do PP, vai realizar servizos de media distancia con trens de longa distancia.

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a esixir ao goberno central que manteña todos os servizos ferroviarios afectados negativamente na Coruña. EU avoga polo fortalecemento dos servizos e infraestruturas do tren convencional de xeito que sirva para artellar as comunicación e mobilidade da cidade sobre os criterios de eficiencia medioambiental e social. Apostamos, ao igual que fan os países máis avanzados, por fortalecer a rede de transporte colectivo para vertebrar o territorio, así como equilibrar e igualar en canto a oportunidades aos cidadáns urbanos e do rural, algo fundamental na Galiza. Para isto é necesario investir no ferrocarril de proximidade e media distancia, xusto o contrario que fai o PP que se alinea coas políticas dos países subdesenvolvidos e con menos nivel de benestar.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”semella paradigmático e incoherente que mentres o goberno local desenvolve un plan de mobilidade asumindo a necesidade de conectar a cidade, aplique o `si, bwana’ diante dos recortes no ferrocarril do goberno central. Gustaríame saber si Negreira ten algunha outra postura que non sexa a obediencia ao goberno central e o axeonllamento diante duns criterios burdamente economicistas”.

César Santiso afirmou que “as liñas ferroviarias neste país son rendibles incluso no plano económico cando se coidan e non se abandonan, que é a política dun goberno que non cre no ferrocarril convencional e no transporte sustentable, así pois atenta contra o medio ambiente primando o transporte individual máis caro, contaminante e dependente do petróleo fronte ao transporte colectivo”. Así esta medida converterase nun malgasto, xusto o contrario do argumento co que se toma.

 

Relacionados