Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2013.- A destrución programada do país é a estratexia central da Xunta de Alberto Núñez Feijóo. E o denominado Plan de Acuicultura Litoral de Galicia (PALG) é unha peza máis desa política. “Este plan parécenos absolutamente destrutivo coa xestión do territorio e tamén no modelo de acuicultura que propón”, explicou esta mañá en rolda de prensa Xan Duro, membro da organización integrada en Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Espazo Ecosocialista. O deputado de AGE, Juan Fajardo, acusou ao Goberno galego de converter o país “nunha grande oportunidade de negocio e non “nunha economía sustentábel”.
Alternativa presentou as súas contrapropostas –no documento anexo- ao proxecto gobernamental a través dunha petición de retirada do plan dirixida á Consellaría de Medio Rural e do Mar. “A idea da Xunta é a desregulación total do noso litoral”, expuxo Fajardo, acompañado de membros de activista ecoloxistas, “e segundo a que se poden instalar piscifactorías por todo o territorio agás en doce puntos: xusto onde xa hai factorías construídas”. Para o parlamentario de AGE, este plan converxe coas actuacións do Executivo de Feijóo –o plan de actividades extractivas, a modificación da lei de costas- no obxectivo: “Converter Galicia no que foron os países de América Latina nos anos oitenta e noventa, unha grande oportunidade de negocio a través dunha política de barra libre para as multinacionais”.
Contra o que o Juan Fajardo denominou “goberno constituído por unha praga de mercenarios políticos”, AGE propón un novo modelo de acuicultura. Explicouno sucintamente o ecoloxista Xan Duro –e vai incluído no outro documento anexo. “Defendemos unha acuicultura herbívora e para que é preciso un forte investimento en I+D+i”, afirmou, “e na que primen os proxectos flexíbeis a pequena escala, xestionados por cooperativas locais e no o impacto socioambiental sexa minimizado”.
Ademais de solicitar ao departamento de Mar a retirada do plan, AGE preguntará de urxencia ao Goberno galego, no pleno parlamentario da vindeira semana, sobre a súa política de acuicultura