Rio San Cristovo contaminado

 

Esquerda Unida denuncia o deplorábel estado do río San Cristovo situado detrás de Marineda City que enlaza cos ríos de Mesoiro e Monelos. O dito río, que chega até a parroquia de San Cristovo das Viñas, presenta un estado lamentábel, o auga semella barro debido os vertidos que recibe e os veciños infórmannos de que incluso cambia de cor algúns días.

 

Segundo as investigacións desenvolvidas pola nosa área de medio ambiente o devandito río recibe directamente os vertidos, tanto domésticos como industriais, da zona e como se une cos ríos de Monelos e Mesoiro, que verten directamente ao mar, todos os contaminantes van directamente o mar.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o río é un foco de contaminación mariña constante, influíndo directamente na calidade das augas para os bañistas das nosas praias e afectando negativamente a calidade dos pescados e mariscos que se extraen na nosa bisbarra”.

 

Asemade, segundo as nosas investigacións, non so non se contemplou a posibilidade de bombear o afluente cara a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens debido a que planta non admitiría semellante canle a depurar, senón que nin tan sequera está conectado ao emisario directamente, o que reduciría a contaminación directa na costa.

 

Xa que logo, a única solución real ao problema pasa por eliminar as fontes de vertidos e canalizar as augas residuais, algo que nunca quixo acometer o Concello.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes pregunta ao Goberno municipal en que prazo ten previsto resolver o problema de vertidos causa da contaminación que sufre o río.

Relacionados