Vivimos tempos de crise, austeridade e recortes. Os nosos gobernantes din que hai que apertarse o cinto, máis os poderes públicos seguen a xestionar alegremente os nosos cartos, incapaces de modificar a inercia do malgasto, tamén na Coruña.
Esquerda unida considera ruinosos os servizos municipais do miradoiro e o elevador de San Pedro. Así, segundo consta no detalle da conta global de explotación dos devanditos servizos, aprobada na xunta de goberno local do 29 de xuño, o déficit de explotación que ten que asumir o Concello alcanzou os 369.340,58 € no ano 2011.
Os custos de xestión e mantemento destes servizos, incluíndo un 19% extra que se lle abona a concesionaria en concepto de gastos xerais (13%) e beneficio industrial (6%) segundo figura en contrato, ascenden a 465.555,42 €. Mentres que os ingresos tan so chegan a 96.214,83 €.
Non cabe dúbida de que hai que apostar por máis e mellores servizos á cidadanía para cubrir todas as necesidades esencias da poboación, pero cando existe escaseza orzamentaria semella fundamental definir prioridades, o miradoiro e o elevador de San Pedro máis que servizos a cidadanía poderían definirse como servizos aos turistas, o mellor incluso, caprichos dun anterior alcalde que tiña moitas miras de grandeza.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes sinala que co importe das perdas do elevador e miradoiro podería construírse unha nova escola infantil cada ano. Segundo cálculos estimativos cada usuario do miradoiro e do elevador panorámico de San Pedro cústalle aos coruñeses e coruñesas máis de 11 €. Cantidade que de seguro non ten o seu retorno económico na actividade produtiva local porque, segundo un calculo aproximado en relación aos prezos públicos fixados na ordenanza 43 apenas supoñen 66 visitantes diarios e ademais non todos son turistas. Asemade a miopía dos nosos gobernantes impediu xerar un polo de actividade comercial ao redor destas atraccións turísticas, situación que impide rendabilizalas, máis ben todo o contrario porque o visitante que se achega até alí pasa practicamente medio día fora da oferta consumista coruñesa, é dicir en lugar de incentivar o consumo dos turistas estas atraccións o desincentivan e aínda por riba cun elevado custe para as arcas coruñesas.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “aínda que son un atractivo turístico, dubido de que se produza ningún tipo de retorno económico que nos resarza da perda de máis dun terzo de millón de euros anual, segundo cálculos estimativos anualmente utilizan o ascensor cerca de 23.500 usuarios, mentres que o miradoiro uns 8.500, e dicir 64 e 2 visitantes diarios respectivamente que pagan 3 polo elevador panorámico e 2 € polo miradoiro.