O Foro Galego de Inmigración confirma que o vindeiro mércores 15 de febreiro haberá un voo de deportación con destino Nixeria. Aínda que as redadas serán ao longo e ancho de todo o Estado, o voo sairá de Madrid.
Tal e como explica o Foro Galego de Inmigración, este aviso non ten por obxectivo atemorizar á poboación, senón todo o contrario: achegar información a todos os veciños e veciñas para que poidan actuar e organizarse colectivamente, por exemplo, denunciando intensamente as redadas policiais das que sexan testemuñas (pois adoitan producirse no espazo público e nos medios de transporte), intensificando a campaña ás compañías que realizan os voos (até hai pouco Air Europa e desde hai uns meses Air Nostrum), despregando redes de coidado entre as veciñas e veciños ou difundindo esta mensaxe nas redes sociais.
Toda a información actualizada no blog Stop Deportación ou no Twitter @Stopdeportacion.