Sempre con José Couso

Esquerda Unida Ferrol retoma o acto de homenaxe a José Couso, xunto a súa familia, despois da imposibilidade de levalo a cabo pola pandemia. Será o sábado 9 de abril ás 12.00h na Praza da Paz.Fai 19 anos, un 8 de abril de 2003, era asasinado en Bagdad polo exército estadounidense o noso veciño e xornalista José Couso, nunha guerra, a de Iraq, pactada nos despachos para a destrución de todo un pobo en prol de intereses estratéxicos, xeopolíticos e económicos.

Nesa guerra que representa o máximo expoñente do fracaso do ser humano, da solidariedade dos pobos e da liberdade, un proxectil procedente dun tanque estadounidense foi lanzado contra o Hotel Palestina, onde só había xornalistas contando unha verdade incómoda. Taras Protsyuk e José Couso, morreron a causa dun conflito inxusto e que quería ser silenciado. Neste momento comezou outra guerra, a da familia, pola investigación e xustiza do asasinato de José Couso.

No décimo noveno aniversario do noso compañeiro José Couso, a sociedade segue a reivindicar o mesmo: investigación e xustiza. Pero hoxe a tristura é aínda maior. Froito da pandemia este acto non puido celebrarse nos pasados anos e deixou soterrada a indignación da familia, amizades e aqueles que temos consciencia política, xa que, non podemos dicir outra cousa: estamos defraudados.

Despois de decisións nefastas e políticas de torpedeo á causa de Couso levadas a cabo por José María Aznar, Jose Luis Rodriguez Zapatero e Mariano Rajoy, un pacto progresista de goberno contemplaba entre as súas propostas de medida de rexeneración democrática a recuperación da xustiza universal, que permitiría xulgar aos asasinos do noso veciño José no noso Estado.

Non pode ser que nos consternemos coas deleznables masacres de civís que se están a producir en Ucraína, totalmente inxustificables e condenables, e pidamos contra Putin xuízos en Tribunais Penais Internacionais, que por certo os Estados Unidos non recoñecen, e cando é a hora de pedir investigación e xustiza para José Couso a vara de medir sexa outra, coma se os crimes foran baremables en función de quen os comete ou do seu impacto público. Un goberno progresista non pode permanecer inmóvil ante a inxustiza e tropelías dun exército invasor, sexa do país que sexa. E non pode menosprezar a dor dunha familia e de toda unha sociedade, sen resarcir, máis alá de indemnizacións que se recorren sen vergoña polo propio goberno, o crime cometido con consecuencias penais para os seus autores materiais e intelectuais.

Dende Esquerda Unida Ferrol, esperamos que volva a cordura ás institucións encargadas de investigar, reparar e facer xustiza para un cidadá, José Couso, asasinado por exercer a liberdade de prensa e información. Nunha época na que é máis importante que nunca defender o dereito á verdade, que tan só pode ser contada a través da liberdade, coma facía José Couso, que sempre será un exemplo de dignidade e un referente na busca da xustiza universal para que non queden impunes asasinatos coma o del.

Para rematar, gustaríanos convidar a toda a veciñanza a participar no acto e ofrenda floral que realizaremos xunto a familia este sábado 9 de abril ás 12.00h na Praza da Paz – José Couso.

Aquí estaremos ano tras ano ata que a familia de José Couso, na súa longa loita, obteña a xustiza que se merece

Relacionados