TSXG falla contra o decreto de Feijóo

O fallo debuxa con claridade a vulneración da legalidade na que vén incorrendo de cote esa brigada de hunos culturais que son os mandadiños gobernantes do PP.

A dureza da sentenza deixa espidas as eivas dun decreto feito para afogar a lingua galega no ensino público deste país. A afirmación nidia de que as pequenas e pequenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna  da a razón aos moi diversos e plurais colectivos que vimos loitando contra esta política contra o galego do PP. O Tribunal deixa en claro  que para cumprir a legalidade non valen atallos ou abdicacións, non valen os trucos do PP:  forzar consultas aos pais e nais do alumnado de infantil ou a aceptación de que nas materias impartidas en galego o alumno fale en castelán. Cómpre unha inmediata rectificación e así o demanda Esquerda Unida.

A Executiva Nacional de Esquerda Unida reclama do Goberno de Feijóo a asunción de responsabilidades e, xa que logo, a demisión do conselleiro de cultura e educación, primeiro responsable de executar unha agresión a lingua galega cun decreto que hoxendía resta deslexitimido  e que urxe rectificar.

A deputada de AGE no Parlamento Galego vén de reclamar un punto de inflexión: a sentenza do TXSG imponlle a Feijóo unha  rectificación e a recuperación dos acordos para garantir a normalización lingüística contidos na Lei de Normalización e no desenvolvemento do Plan.

Yolanda Díaz entende como un valor a recondución da situación do galego no ensino – e en xeral en todos os eidos da vida social –  de maneira que a recuperación dos acordos emanados da Lei de Normalización permita acadar na sociedade galega os obxectivos contidos nesa norma.

Relacionados