O austericidio iniciado polo PSOE e incrementado polo PP, representa tan só unha ideoloxía destrutiva, de recortes antisociais, en que as persoas pasamos a ocupar un lugar totalmente secundario en beneficio dos mercados.
A Executiva Nacional de Esquerda Unida considera necesaria a sinatura dun “pacto de estado”. Ante as continuas informacións sobre a corrupción que enchen a xeografía do noso país e ante o desvío e malversación de cartos por parte dos partidos que din gobernar para o pobo, Esquerda Unida considera que goberne quen goberne a cidadanía ten que ter garantidos uns dereitos básicos que cubran as necesidades que demandan.
É obvio que a rúa demanda uns dereitos básicos públicos, universais, gratuítos e, por suposto, de calidade, ben sexa nunha sanidade libre do repago inxusficado e inxusto, ou ben nunha xustiza que nos garanta a igualdade ante a lei, sen esquecer unha educación libre do mercantilismo que impón o chamado Plan Boloña.
Yolanda Díaz manifesta que “a corrupción afoga a un sistema político esgotado e impide o exercicio da soberanía popular do noso país”. Dende Esquerda Unida, e dende o Parlamento Galego, instamos ao goberno dos de arriba a facer todas as xestións necesarias para acadar un pacto entre todas as forzas políticas deste país, no que se obrigue ao mantemento público de servizos que a cidadanía reclama como básicos para garantir o noso benestar, é dicir, un pacto que blinde os nosos dereitos sociais.
Por iso, Esquerda Unida demanda que aqueles políticos que non teñan entre as súas prioridades fortalecer os servizos públicos e polo tanto contribuir á promoción deste pacto de estado, debería renunciar ao seu cargo público.