Valoración orzamentos Estado

 

O grupo municipal de EU-V considera que os orzamentos significan a renuncia expresa do PP en investimento produtivo e reflicte a súa incapacidade para cambiar o actual e caduco modelo produtivo. Proba de elo é que o Goberno do PP segue a apostar polo investimento en infraestruturas, en lugar cambiar o rumbo e apostar decididamente por políticas activas de emprego, de fomento do cambio do modelo produtivo ou de investimento en infraestruturas directamente relacionadas co tecido produtivo.

 

Así, mentres duplícase o investimento para a terceira rolda achegando 29 millóns de euros, unha infraestrutura necesaria para mellorar os accesos a nosa cidade pero que non incidirá directamente na xeración de emprego, redúcese a menos da metade as achegas ao porto exterior, actuación fundamental para a recuperación da economía da bisbarra coruñesa que unha vez rematada e correctamente xestionada e comunicada por ferrocarril e estradas, podería permitir xerar miles de postos de traballo ao posicionar A Coruña como referente europeo do tráfico marítimo de mercadorías con América e permitir dedicar intensivamente o actual porto coruñés a tráfico marítimo de contedores.

 

En definitiva, esta actuación estratéxica para a xeración de emprego sufre unha grave desaceleración ao reducir a 46 millóns o investimento no 2012, cantidade que equivale a tan so un 45% dos 102 millóns achegados no 2011. O dito recorte faise máis evidente na partida dedicada a obras de Punta Langosteira que se ve recortada a un tercio do investimento do 2011 pasando de 75,6 millóns aos 27,3 millóns actuais.

 

Xa que logo, para Esquerda Unida os orzamentos xerais do Estado farán sufrir a maioría social coruñesa hipotecando o noso futuro. Por unha banda os recortes sociais en sanidade, ensino, dependenza e servizos sociais afogaran ás familias traballadoras retrotaendo aínda máis o consumo o que producirá o peche de empresas e o conseguinte  incremento do desemprego, que será aínda maior que o amosado polas previsións mais negativas debido a un deficitario investimento en economía produtiva e aos recortes en educación e en I+D+i os auténticos motores dun cambio do modelo produtivo capaz de dotar as nosas empresas dunha capacidade competitiva e valor engadido do que agora adoecen.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, lamenta que o Goberno municipal saque peito do orzamentos cando foi incapaz de defender en Madrid partidas para reactivar a economía e xerar emprego na nosa cidade.

Relacionados