Vertido no río Tea

Atribuír o vertido a un erro dun operario, agora imputado pola garda civil, é un intento descarado por parte da empresa de eludir a súa responsabilidade. Téntase, coma sempre, facer recaer a culpa sobre un membro da clase traballadora. Augas de Mondariz tiña que ter medidas de seguridade que impediran que un simple erro se poida converter nunha catástrofe ecolóxica.

Dende Esquerda Unida, consideramos que a responsabilidade é atribuíble unicamente aos responsables da empresa por unha banda, por non implantar as suficientes medidas de seguridade nas súas instalacións, e a administración pública por outra, por non exercer os controis necesarios sobre a empresa que tivesen evitado a catástrofe.

A Xunta de Galicia debe tomar medidas de inmediato. Con abrir un expediente sancionador non é suficiente. Augas de Mondariz ten que correr con todos os gastos derivados dos traballos de recuperación do río. Ademais, a Xunta de Galicia ten que obrigar á empresa a tomar as medidas correctoras necesarias nas instalacións para que estes feitos non se volvan a producir.

Ademais, ao afectar o vertido a un espazo protexido, estes feitos poderían ser constitutivos de delito segundo o código penal vixente, polo que dende EU estudaremos a posibilidade de presentar unha denuncia contra a empresa por delito ecolóxico.

 

Relacionados