Este encontro encádrase na rolda de contactos que está a ter Esquerda Unida co tecido asociativo do país para avanzar nun novo proceso de converxencia da esquerda.
Unha delegación de Esquerda Unida composta por Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional, César Santiso, responsable de Organización, e Henrique González, responsable de Economía e Traballo, avanzará coa directiva da Fundación 10 de Marzo os contidos do proceso, os obxectivos e o desenvolvemento dun proceso político, social e cultural que abrangue a ambiciosa tarefa de avanzar na Refundación da esquerda no noso país.
Nas diferentes reunións mantidas ate o de agora, Esquerda Unida achega un método participativo e plural e uns contidos de transformación social, na procura de conquerir a superación da fenda que hoxendía existe entre a esquerda social e a representación política da esquerda e que gravita de xeito oneroso sobre as posibilidades de cambio social emancipador para a nosa cidadanía.
O obxectivo do proceso da Refundación da esquerda é dotarmos dunha ferramenta nova quen de pular pola construción dunha realidade política, social e cultural distinta, quen de expresar un novo contrato social que garanta emprego estable e con dereitos, acceso a unha vivenda digna, a preservación do noso territorio nunha clave sustentable e maila afirmación dos nosos dereitos nacionais.
Fronte a inaninade das máis das políticas que desenvolve a oposición, fai falla artellar de maneira participativa e plural un suxeito que exprese os intereses da maioría social deste país nunha clave anticapitalista, republicana e federal. Deste proxecto depende non darlle ao PP, situado case na órbita dos neo-con, outra quincena de anos no goberno con políticas contrarias aos intereses maioritarios da nosa sociedade.