Esquerda Unida vén mantendo unha secuencia de encontros periódicos co Sindicato Labrego Galego nunha estreita colaboración en diferentes cuestións que importan ao artellamento social e produtivo do país, en materias que van da loita contra o canon do auga ate as propostas varias que inciden na consecución da soberanía alimentar.
Esquerda Unida está a realizar unha xeira de xuntanzas co tecido asociativo crítico do país na procura de actualizar a diagnose e proposta alternativa que a formación política de esquerdas e ecoloxista está a preparar cara as próximas eleccións ao Parlamento Galego.
EU trasladou, entre outras, ao Sindicato Labrego Galego o noso rexeitamento ao actual proxecto da Lei de Montes, e a participación das mulleres e homes de EU na vindeira mobilización do sábado 9 de xuño.
Esquerda Unida está a elaborar de xeito participado o seu programa político para as eleccións autonómicas e busca nesta xuntanza actualizar o catálogo de problemáticas e propostas alternativas que dende o SLG se están a dar na defensa do campo e do rural galego.
EU quere salientar o magnífico traballo que dende o SLG se realiza na defensa das pequenas explotacións, na defensa dun rural artellado no social e na procura dun outro modo de producir e consumir sustentable.