1 xuño os pobos contra a troika!

Esquerda Unida fai un chamamento á participación nas mobilizacións convocadas para este sábado 1 de xuño. A libre agresión que o Banco Central Europeo, o FMI e o goberno da Merkel, a quen por outra parte ningún goberno se atreve a plantar cara, nos están a aplicar co beneplácito do noso des(goberno) non é asumible.

Esta Europa de desaxustes, de exclusión social, de dominio do capital, de recorte de dignidade, de desesperanza, de afogamento e sobre todo de títeres que tentan salvar o capitalismo á conta da nosa miseria, non ten futuro se o pobo é quen de organizarse para frear esta brigada de demolición social.

Yolanda Díaz deputada e coordinadora de Esquerda Unida manifesta que “ante as políticas de violencia antisocial da troika o pobo debe organizarse para non perder os dereitos adquiridos”. Queren facernos dependentes, converternos nunha periferia especializada en subcontratas, explotando á clase traballadora para abastecer a unha cúspide de países espoliadores e explotadores. Non queremos esta Europa de mercaderes, queremos a Europa das persoas e para as persoas, por elo na nosa loita está mudar o sistema porque non aceptamos unha débeda ilexítima nin imos a pagar a débeda de ninguén á conta da nosa precariedade, porque estamos certos que outro xeito de facer política é posible.

Por todo isto, Esquerda Unida, xunto coa convocatoria da cidadanía, súmase á reivindicación da dignidade dos pobos, da clase traballadora e sobre todo súmase á necesidade de conformar un bloque social e político quen de demostrar á troika que non existe a liberdade de agresión, que é o pobo quen ordena.

Relacionados