A prohibición do velo nun CEIP de Arteixo

 

 1.- Recoñecendo o dereito da comunidade educativa do citado Centro de dotarse dun Regulamento de Réxime Interno, consideramos que a utilización voluntaria dun elemento con determinado contido relixioso e/ou cultural para unha alumna e a súa familia, non pode considerarse unha conducta sancionable  por contraria as normas de convivencia dun Centro educativo, por non tratarse dun elemento ofensivo para o resto da Comunidade Educativa, nin dun impedimento para o normal desenvolvemento educativo da alumna. O dereito a educación pública en condicións de igualdade en todo caso está por riba dun Regulamento dese tipo. Obrigar a esa alumna  a cambiar de centro educativo como se pretende facer,  supón unha actuación  fondamente discriminatoria para ela e a súa familia. A extensión deste tipo de actuacións ademáis podería derivar nunha situación intolerable de separación de alumnado por crenzas relixiosas ou culturais, contrario aos máis elementais principios democráticos e de salvagarda dos dereitos humanos.

 

2.- Consideramos que é a propia Administración Educativa da Xunta de Galicia a que debe intervir neste caso, e  para evitar que se poidan dar outras situación como esta:  lexislando ou establecendo claramente principios que obriguen aos Regulamentos de Réxime Interior dos Centros Educativos de Galicia a asumir o carácter intercultural da nosa sociedade e que eviten a posibilidade de actuacións claramente discriminatorias como esta que denunciamos.

 

Por último, queremos amosar a nosa solidariedade coa menor afectada e coa súa familia e informar que o Foro Galego de Inmigración vai remitir de forma oficial hoxe mesmo sendas comunicacións ao Centro Educativo implicado. e ao Conselleiro Responsable de Cuestións Educativas da Xunta de Galicia para esixir unha rectificación clara e un posicionamento político contundente que evite esta actuación fondamente discriminatoria e outras que puideran suceder no futuro.

Relacionados