Accesos ferroviarios porto exterior

 

Proxecto que dorme dende o verán un silenzo sospeitoso que a nosa organización quere romper para garantir o futuro da ría e da riqueza e emprego asociados a ista.

 

Esquerda Unida vén de rexistrar, xa que logo, unha batería de cuestións para reclamar da nova ministra de Fomento unha posición expresa de salvagarda da ría e no que toca a clarexar os vindeiros pasos a realizar por parte do Ministerio en relación con este proxecto.  O escrito rexistrado con data de  26 de decembro reclama do Goberno que clarexe a súa postura sobre o proxecto, diante dunha recoñecida oposición cidadá a actual alternativa de trazado, a sur, que suporía un verdadeiro desastre para a nosa ría.

 

Esquerda Unida quérese facer eco con esta iniciativa do fondo sentir cidadá de preocupación existente en relación co proxecto de accesos ferroviarios ao Porto Exterior. As múltiples alegacións presentadas pola cidadanía e incluso polo concello esixen unha reacción do novo ministerio, que a nosa organización avoga que sexa da meirande cautela e protección ambiental para a ría. Reacción que ao noso xuízo esixe  contestar as alegacións en primeiro lugar de xeito positivo e non realizar ate entón a declaración de impacto ambiental.

As alegacións presentadas por Esquerda Unida ao Ministerio o día 12 de maio  restan sen contestar nun penoso exercicio de soberbia política do Ministerio, que casa moi mal coa defensa do interese xeral; as alegacións de Esquerda Unida e das outras 17 entidades veciñais, de mariscadores, deportivas, ecoloxistas e culturais son a primeira barricada popular na defensa da ría.

 

Dada a importancia do proxecto e as severas consecuencias para o emprego e riqueza da ría que se poderían derivar de non facelo coas axeitadas condicións de protección ambiental, Esquerda Unida pregúntalle ao Goberno sobre como vai desenvolver unha acción investidora para garantir un desenvolvemento sustentable.

Relacionados