Esquerda Unida coincide na necesidade de renovar a canalización da auga mais considera un despropósito o transvase de Meirama ao encoro de Cecebre, unha obra faraónica cun custe de 10 millóns de euros que non responde ás necesidades da cidadanía, porque o encoro de Cecebre atende sen problemas as necesidades de auga potable da cidade da Coruña e dos concellos da comarca e non necesita das augas de Meirama, ácidas, preñadas de metais pesados e baixas en osíxeno.
Por outra banda, semella unha actuación redundante posto que o acceso ao auga nas próximas décadas está garantido coa nova canalización. Xa que logo, transvasar auga da balsa de Meirama ao encoro de Cecebre ten moito de pretexto para xustificar o negocio privado de dúas minicentrais, unha con concesión administrativa caducada e outra aprobada no tempo de desconto da era Fraga para beneficiar a conspicuos persoeiros dos partidos do réxime e do empresariado.
Cando o Plan Hidrolóxico desbota novos aproveitamentos nas bacías Galicia-Costa, o goberno municipal pretende construír un túnel de 1,4 km e 3,5 mtros de diámetro para conectar a balsa mineira co río Barcés, que desemboca no encoro de Cecebre, ou o que é o mesmo, conectar unha balsa mineira cunha zona LIC da Rede Natura. A maiores a xustificación pasa por reforzar as capacidades de subministro e para elo a Xunta opta por coller auga dunha balsa mineira, augas ácidas e pobres en osíxeno.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que coa actuación sobre depósitos e canalizacións garántese o subministro de auga potable a toda a bisbarra coruñesa, xa que na Galiza o 18% da auga distribuída desperdícianse debido a fugas e avarías debido ao mal estado da rede de subministro. Xa que logo, coa renovación de tuberías da rede e a incorporación de novos depósitos intermedios, a bisbarra coruñesa disporá de moita máis auga da que dispón actualmente. Con esta actuación e as necesarias accións dedicadas a utilización responsable do auga teríamos capacidade para asegurar a auga para un 20% máis de poboación, situación pouco probable nos próximos 100 anos.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal está a utilizar un ben básico como a auga para facer negocio, dos 25 millóns anunciados para garantir o seu acceso, preto da metade son innecesarios”.