Charla-coloquio: Erradicar as violencias machistas: Boas e malas prácticas

Este sábado 27 de novembro de 2021, ás 12h no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra, celebraráse unha charla coloquio, aberta a todas as persoas interesadas, convocada pola Área da Muller de Esquerda Unida Lugo, co gallo da conmemoración do 25N, data na que reinvidicamos a erradicación das violencias machistas.

Nesta mesa aberta, intervirá Martina Gómez, loitadora feminista, con dúas de folgas de fame ás súas costas, para reclamar un Pacto de Estado contra a Violencia Xénero, no que a violencia vicaria tivera unha maior relevancia e se recoñecera aos fillos/as das mulleres vítimas de recursos precisos, como o 100% da pensión de orfandade aos que perderan ás súas nais nun asasinato machista. Martina é irmá de Ana Gómez, muller asasinada o 11 de febreiro de 2016 en Becerreá (Lugo), quen deixou a dous fillos orfos.

Tamén participará na mesa, Chus Rodríguez, psicóloga social, especialista en psicoloxía xurídica e forense pola Universidade de Santiago de Compostela, con estudos de Criminoloxía e Diploma de Estudos Avanzados pola mesma Universidade cun traballo relacionado coa psicoloxía do testemuño. Vén traballando desde o ano 2008, como psicóloga do Servizo de Protección da Infancia e Adolescencia na Xunta de Galicia.

Nesta mesa falarase da espiral do maltrato, desde a primeira agresión de maltratador, ata despois, incluso, da morte da vítima, o maltrato institucional e outras formas de revitimización á muller e aos/ás fillos/as. Falaráse de malas prácticas e propóranse modelos alternativos de boas prácticas para erradicar as violencias machistas, así como das secuelas e efectos nas crianzas e adolescentes que conviven ou conviviron sofrindo a violencia de xénero no seu fogar.

Relacionados