Coitelada ao ensino público

 

E xa van dous anos. Que futuro lle destinan os nosos (mal)gobernantes a estas persoas? A emigración xermana? Para iso debe servir o noso diñeiro público? Para formar persoas e logo expulsalas a países como Alemaña?

 

A executiva nacional de EU denuncia que a supresión de oposicións docentes incrementará o desemprego e degrada a calidade da educación pública.

 

Ademais, esta circunstancia vai en contra da calidade do ensino público: a menos docentes por alumnado, menos atención á diversidade. A decisión de non convocar as prazas docentes convertéuse nun subterfuxio para empeorar as condicións laborais do profesorado e, insistimos, desatender programas que están formando ao alumnado en npvas tecnoloxías e atendendo ao alumnado con maiores dificultades de aprendizaxe.

 

Esquerda Unida considera que se está a concretar a coitelada ao ensino público por parte do PP polo que rexeita frontalmente esta estratexia de degradación do público, mentres se manteñen os concertos coa patronal privada. O PP demostra que as prioridades de gasto van na liña de axudar, tal como fixera o seu antecesor, aos bancos e á gran patronal, mentres que se recorta e se axusta, unha vez tras outra, as posibilidades para a maior parte da sociedade que vive baixo as constantes ameazas de perda de traballo, de perda de poder adquisitivo, e un longo etcétera.

 

Non é certo que en España haxa moitos funcionarios: a porcentaxe de persoas que traballan no sector público en España é só do 9%, mentres que a media europea de empregados públicos é do 16%, e en países, que sempre collen como exemplo cando lles convén, como Dinamarca ascende ao 26%, ou en Suecia ao 22% e en Finlandia ao 19%. Polo tanto, o noso problema non é que o sector público estea sobredimensionado, senón que é deficitario. E a medida de suprimir as oposicións docentes acentúa ese déficit.

 

Por outra banda, o discurso de Wert na súa comparecencia da semana pasada estivo chea de numeroloxía descontextualizada, de argumentos falaces sobre a forma en que o profesorado debe gañarse o respecto, ao que acusa indirectamente, de ser malo, de non saber, e de mentiras sobre o adoutrinamento ao que acusa á materia de Educación para a Cidadanía, empregando para iso un libro que non é manual e obviando, por suposto, que a única materia que hoxendía adoutrina é a relixión católica que, de novo, seguirá –para a eternidade?- no noso sistema educativo.

 

Para Esquerda Unida – Os Verdes o ministro de educación Wert utiliza unha argumentación falaz chea de disparates para defender as súas propostas sobre a educación pública.

 

E confírmase que van vir tempos para a mobilización do profesorado, xa que a proposta de modificar o bacharelato e a FP faise en detrimento, por moito que o neguen, da fase que coñecemos como educación obrigatoria. As cousas que veñen de Madrid ignoran a nosa realidade.

 

Por exemplo, en Galicia, que vai acontecer cos CPI’s? Se se suprime un curso, o profesorado queda sen a carga horaria? Como se van garantir os dereitos adquiridos durante estes 13 anos?

 

Como se vai recompoñer o currículo da etapa e das materias? Como considerar ao 3º curso da ESO? Como orientador, xa que teñen que escoller entre Bacharelato ou FP? Ou voltaremos aos tempos aqueles nos que os que “valen” ía directo para Bacharelato e os que non para FP?

 

Daráselles un título ao rematar 3ª ESO ou cando rematen o 1º ano de Bacharelato/FP?

 

Cando e como pretenden aplicalo? De forma progresiva ou de forma “decretal”?

 

Todas estas cuestións e máis aínda son as que debe responder o correlixionario de Madrid en Galicia, o conselleiro de Educación.

 

Relacionados