Novas centrais para o Xallas

O Goberno galego dá licenza para catro novas obras nese curso fluvial.  A Xunta do PP agride un lugar ambientalmente valioso só para beneficiar as grandes empresas eléctricas.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2013.- No río Xallas hai xa sete centrais hidroeléctricas que interrompen o seu curso. A Xunta de Galicia vén de outorgar licenza a catro novas obras para o denominado aproveitamento hidroeléctrico do mesmo cauce fluvial. “Non hai xustificación económica nin enerxética para estas instalacións”, considera o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, “porque non resolverán ningún problema enerxético, non incrementarán demasiado a produción e as hipotéticas cifras de creación de emprego están máis que inchadas”. Tampouco, engade, a nivel ambiental. Porque a argumentación do Goberno de Alberto Núñez Feijóo de que as centrais hidroeléctricas producirían unha suposta redución nas emisións de CO2 non é certa: seríao se, ao mesmo tempo, se deixase de obter enerxías fósiles. A maiores, a construción de novas infraestruturas tamén botará gases contaminantes á atmosfera.

Pero esta permisividade da Xunta no estrago do río Xallas ten un beneficiario directo: a empresa Ferroatlántica. Calquera central cunha potencia de menos de 50mw entra dentro do réxime especial de produción eléctrica e recibe primas. É o caso das sete infraestruturas xa existentes no Xallas. Dúas delas, a de Sta. Eugenia I e Sta. Eugenia II, utilizan unha argucia legal para cobrar estas primas, ao non chegar formalmente a esa potencia e quedar en 49,07mw. “Ao ser un río explotado todo por Ferroatlántica”, explica Sánchez, que vén de presentar unha pregunta para resposta oral no Pleno parlamentario, “os sucesivos encoros, minicentrais e repotenciamentos encobren, en realidade, una gran hidráulica. Trátase dunha forma de obter beneficios extraordinarios con efectos ambientais sumamente lesivos”.

Alternativa Galega de Esquerda considera que o Goberno galego do PP se coloca, “como sempre, ao servizo das grandes empresas aínda que para iso agrida ambientalmente un lugar tan valioso como o Xallas e estas decisións non signifiquen unha mellora no servizo ou no prezo da enerxía eléctrica para os galegos”.

 

Relacionados