Esquerda Unida de Cedeira quere manifestar a súa demanda de transparencia e limpeza en todos e cada unha dos procesos selectivos para a bolsa de traballo do concello. Transparencia e pleno respecto á legalidade son sinais mínimas esixibles a un concello que se queira democrático.
Rexeitamos as irregularidades cometidas no proceso para seleccionar persoal da bolsa de traballo para cubrir as prazas de peón. Non se pode repetir esta situación, que xera indefensión e crea desigualdades inaceptables á hora de concursar a un emprego público.
A nosa organización non comparte a composición do tribunal de avaliación encargado de efectuar as valoracións, tribunal composto única e exclusivamente por persoal de oficinas e servizos do propio concello. Esquerda Unida demanda a presenza de representantes sindicais para facer o seguimento de todo o proceso e, xunto con observadores dos diferentes partidos políticos, velar pola transparencia e plena legalidade do proceso, para desta maneira facer efectivos os principios cos que debe rexirse o acceso ao emprego público: igualdade, mérito e capacidade.
Esquerda Unida de Cedeira rexeita a desidia do tribunal á hora de permitir a participación dun dos concursantes fóra do prazo marcado, o cal xunto con diferentes rumores sobre a filtración dos exames deron lugar á presentación dunha reclamación por parte dun participante nas obras. A denuncia faise eco da situación anómala creada, que apunta indicios claros de irregularidades; denuncia que impugna o proceso.
Queremos salientar que a contestación da reclamación si recoñece que houbo irregularidades no proceso, aínda que reduce a súa gravidade e nega que forcen a invalidación da proba.
Esquerda Unida chama a atención do Goberno Municipal e requírelle para que non se repita baixo ningún concepto estas anomalías e irregularidades. Esiximos transparencia, limpeza e respecto pleno á legalidade.