Esquerda Unida reivindica a igualdade salarial para ter unha vida digna no Día Europeo contra a Fenda Salarial

Que as mulleres cobren menos que os homes só polo feito de selo é unha vergoña nun país democrático. Aínda que a legalidade prohiba de forma explícita a discriminación por razóns de xénero, o que está a ocorrer na realidade galega é que a fenda laboral supera o 23%. “Mentres haxa desigualdade retributiva, non hai democracia. Non se pode cobrar o mesmo por tarefas idénticas”, reivindica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.

“A fenda salarial é un factor que reflicte a discriminación que sufrimos as mulleres traballadoras ao longo da nosa relación laboral”, explica Solla, que lembra que “as mulleres sufrimos a taxa máis alta de desemprego, máis contratos a tempo parcial, reducións na xornada e peticións de días libres para ocuparnos dos coidados (dúas horas e media diarias máis que os homes) e, por riba, temos peores pensións”.

Segundo explica Solla, “as mulleres traballadoras galegas teñen serias dificultades para acceder a empregos mellores ou de xornadas completas, xa que semella que somos ás responsables dos coidados ou da conciliación familiar e, ao final, todo isto leva a cotizar menos anos”, polo que a fenda salarial é tan só a punta do iceberg da desigualdade salarial.O principal é asumir que “tanto en Galicia como no Estado temos un problema severo” e que o obxectivo “non é baixar o salario dos homes, senón subir o das mulleres”, xa que no noso país case o 40% das traballadoras teñen salarios precarios, por debaixo do SMI e o 20% é pobre.

A fenda salarial afecta a todos os sectores do mundo do traballo e, para achegarnos á igualdade real, fai falla un cambio global na estrutura do traballo, que rompa coa cadea global de coidados, a precariedade laboral e que nos permita levar vidas dignas. Para Esquerda Unida, a ruptura coa brecha salarial faise, por tanto, unha medida urxente para a nosa sociedade e para a consecución dun Estado avanzado e verdadeiramente democrático.

“Ante este panorama as mulleres non baixamos os brazos. A folga feminista do ano pasado conseguiu chamar a atención sobre a situación das mulleres aínda que a fenda salarial non é o problema principal, senón a precariedade laboral e a situación de falta de dereitos e desigualdade, por iso aínda temos moito que reivindicar nas rúas”, remata.

Relacionados