🎥 Eva Solla esixe poñer fin ao abuso da contratación temporal e da sobrecarga de traballo no persoal sanitario

A deputada do Grupo Parlamentario Común da Esquerda, Eva Solla, vén de instar á Xunta de Galicia no Pleno a que dote ao Sergas cos recursos económicos suficientes para poder negociar un plan de estabilidade na mesa sectorial, que cumpra coas ratios axeitadas e permita convocar as Ofertas Públicas de Emprego coa finalidade de rematar co abuso na contratación temporal e a sobrecarga de traballo no persoal sanitario.

“A pesar dos anuncios do PP dun incremento e mellora do persoal sanitario, a realidade é que non temos nin unha praza de nova creación e nin sequera se sacan a totalidade de prazas de reposición pendentes, que se cubren con persoal eventual”, dixo Solla. 

“Dende a chegada da crise, a precariedade pasou a consolidarse en Galicia como un factor totalmente estrutural no mercado de traballo. Nin a propia Administración pública fuxe desta situación, que lonxe de dar exemplo na estabilidade laboral fomenta cada día máis, situacións precarias. Un dos maiores exemplos de precariedade exercida dende a Administración Pública e a do Servizo Galego de Saúde, con récord de temporalidade e sobrecarga de traballo para o persoal que presta servizos no mesmo”, sinalou.

A eliminación de postos de traballo mediante amortizacións dos mesmos e a escasa planificación nas Ofertas Públicas de Emprego, provocou unha perda de profesionais que afecta ao funcionamento do propio sistema e dificulta a ordenación dos servizos.

Ademais, esta situación que afecta directamente á calidade asistencial que se presta nun servizo tan delicado como é o da saúde, vulnera tamén os dereitos laborais das traballadoras e traballadores, tanto en material de abuso na temporalidade, tempos de descanso ou dereitos retributivos. “Na nosa comunidade un 40% do persoal sanitario é precario, eventual, polo que non pode planificar a súa vida e conciliar vida familiar e laboral”, apuntou. Unha situación intolerable provocada por unha mala xestión e unha política de recortes e deterioro dos servizos públicos, que no que se refire á material laboral xa recibiu varios toques de atención por parte de Europa, a Seguridade Social ou o Tribunal de Xustiza de Galicia. Con todo, o Goberno segue sen tomar nota, axudando no aumento da precariedade e no deterioro dos nosos servizos públicos.

Respecto á situación dos traballadores, Solla denunciou que “a revelación de datos persoais dunha traballadora do SERGAS en directo, nunha canle privada, é unha desvergoña. Non se poden dar datos persoais para denigrar a unha traballadora e alguén debería dimitir. É un delito”, dixo, respecto o caso dunha muller que leva 400 contratos encadenados e que, aínda por riba, foi criticada.

Ver o vídeo dende:

Relacionados