Eva Solla: “O aumento dun 60% das execucións hipotecarias con respecto ao 2017 é un síntoma de que a recuperación económica non é tal”

Esta mañá vimos de coñecer da man do Instituto Nacional de Estatística (INE) un alarmante aumento do 60% nas execucións hipotecarias en Galicia no segundo trimestre do ano, “o que vén afirmar que o empeoramento das condicións laborais en canto a salarios e temporalidade, e o desemprego, non permiten afrontar o pagamento das hipotecas das galegas e galegos, excluídos do dereito a ter unha vivenda digna, provocado polas políticas económicas da dereita, que fan da vivenda un negocio e non un dereito básico”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.

“Se dunha banda as galegas e os galegos asistimos ao empobrecemento dunha clase traballadora que non se recupera da crise, tamén hoxe coñecemos o aumento das grandes fortunas, un 8% máis nun ano (ata superar as 7.700 en Galicia), o que fai que se amplíe a desigualdade entre a cidadanía, que chega xa a niveis récord”, expón Solla.

Dende Esquerda Unida levamos anos a denunciar que esta non é máis que unha situación bosquexada polo capitalismo especulativo, que pode permitirse dispoñer de amplas bolsas de persoas empobrecidas e rescatar bancos con miles de millóns de euros de diñeiro público. “Esta realidade que padecemos hoxe en día é a resultante das políticas postas en marcha dende a dereita, ao servizo das grandes empresas, dos especuladores e contra unha maioría social que é incapaz de acceder a unha vida digna”, remata Eva Solla.

Relacionados