Incumprimento concesionaria Cespa

 

Esquerda Unida solicita que o Concello realice a Cespa unha auditoría similar a que se vai a realizar en Nostián para esclarecer uns feitos que a empresa está a negar, pois de confirmarse a denuncia dos representantes do cadro de persoal a empresa estaría a incumprir as condicións pactadas co Concello. Algo lamentábel pois confirmaría que a empresa cuxa matriz é a multinacional Ferrovial, pretende incrementar a súa conta de resultados a costa de escatimar gasolina e mantemento dos vehículos adquiridos polo propio concello. É dicir Cespa pretende obter maiores beneficios a costa de empeorar o servizo de limpeza da nosa cidade e precarizar a situación laboral dos seus traballadores que son veciños e veciñas da bisbarra coruñesa.

 

O grupo municipal de EU-V propón que o Concello incluía unha cláusula que obrigue ás empresas concesionarias a sufragar as auditorías externas que encargue o propio Concello periodicamente para garantir servizos de calidade para a cidadanía, pois permitir que as auditorías de calidade das concesionarias as realicen as propias empresas é o mesmo que poñer ao zorro a coidar das galiñas.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, esixiu ao alcalde que faga cumprir a empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo os compromisos que teñen asinados ou que lle rescinda á concesión.

 

César Santiso indicou “o concello debe velar polos intereses da veciñanza e asegurar que as empresas privadas cumpran coas súas obrigas de cara a cidadanía. Non aceptaremos que o Goberno local mire para outro lado tentando esquivar un conflito que está a afectar a todos os coruñeses e coruñesas.

 

Finalmente Santiso agradeceu aos traballadores e traballadoras de Cespa  a súa valentía para denunciar os feitos e anunciou unha próxima xuntanza co Comité de Empresa para coñecer os detalles polo miúdo e consensuar posíbeis accións a desenvolver.

Relacionados