Interpelación parlamentaria

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2012.- A deputada Yolanda Díaz Pérez do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación  en relación co derrubo dun inmoble do barrio de Recimil e a progresiva degradación deste.

O barrio ferrolán de Recimil posúe un valor patrimonial que o leva a estar incluído no catálogo de bens protexidos dependente de Patrimonio. A pesares desta protección, os sucesivos gobernos da Xunta non foron quen de arbitrar o planeamento e recursos necesarios para formular unha proposta de rehabilitación integral dun barrio construído nos anos 40 e que é debedor desa historia e dunha insuficiencia crónica no seu mantemento.

En relación con este barrio, se coñece nestes días un informe da Dirección Xeral de Patrimonio que autoriza o derrubo dun inmoble do barrio, que se atopa en pésimas condicións,  o chamado “Bambú Club”, logo de denegalo noutras ocasións. Queremos coñecer as razón do cambio de postura das autoridades públicas competentes. Porque teme este Grupo Parlamentario que esta autorización delate o proxecto que latexa no PP  sobre o conxunto do barrio: derrubalo para favorecer a construcción de novas vivendas  que prorroguen ese modelo produtivo da burbulla do ladrillo, cuxas consecuencias pagamos hoxe en forma de entregas multimillonarias de diñeiro público aos bancos e recortes sen cesar nos dereitos económicos, sociais e laborais da cidadanía traballadora, na maior crise capitalista dende 1929.

O Grupo Parlamentario de Alternativa galega de Esquerda, coñecedor tanto dos valores históricos do barrio canto do valor social que supón  contar cun parque municipal de vivenda que excede o milleiro de pisos (1.012 vivendas de propiedade municipal), entende necesario que a Xunta de Galicia achegue os recursos necesarios para preservar e rehabilitar este anaco da historia de Ferrol. Actuación que de levarse a cabo vai permitir desenvolver unha ambiciosa política pública de vivenda social nun tempo onde a dureza da crise está a provocar unha   angustiosa situación de excepción social.

Por isto, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, presenta unha interpelación pedindo as razón que fundamentan o cambio de parecer da Dirección Xeral de Patrimonio para que esta  autorice agora o derrubo do inmoble chamado “Bambú Club” logo de denegalo con anterioridade; e se contempla o goberno da Xunta de Galicia acordar coas outras administración  competentes (Ministerio, Concello de Ferrol e UE) un plan económico para subvenir a Rehabilitación integral do barrio.

 

 

Relacionados